O DOG publica a modificación do plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150616/AnuncioG0181-050615-0001_gl.html  o anuncio polo que se aproba a modificación do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e a súa área de influencia, no que se actualizan as actuacións necesarias para mellorar a mobilidade desta área de Galicia nun horizonte temporal ata o ano 2025.

O Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas foi aprobado en setembro 2002. Transcorridos estes anos, a Axencia Galega de Infraestruturas iniciou a súa modificación co fin de coordinar os diferentes documentos de planificación da rede viaria da zona, incluíndo para iso as actuacións previstas no Plan director de estradas de Galicia, Plan MOVE.

Este documento someteuse a información pública en setembro de 2014 e durante ese período presentáronse 11 informes e alegacións, que foron tidos en conta na súa meirande parte na proposta final de modificación do plan. Así, incluíronse remodelacións de enlaces viarios existentes e a execución dunha pequena conexión, que garanten o obxectivo primordial de articular o territorio:

– Supresión da vía de conexión da AP-9 coa AG-64 (Ferrol-Vilalba) en atención á petición realizada polo Concello de Neda, por mor das afeccións sobre as vivendas e os valores ambientais e paisaxísticos da zona.

– Un novo enlace entre a VG-1.2 (Ares – Mugardos) e a N-651. Proponse a remodelación da conexión existente no límite entre os concellos de Fene e Cabanas, que actualmente conta cun trazado confuso para o condutor.

– A remodelación do enlace entre a AG-64 e a AC-566, en Narón. Complétase o enlace de Castro entre a autovía AG-64 e a estrada AC-566 (Narón – Campo do Hospital) para permitir todos os movementos.

– Unha nova conexión entre a VG-1.2 e a AC-133 en Mugardos. Trátase dun novo trazado de 0,58 km de lonxitude que substitúe a conexión actual da vía para automóbiles e a estrada da Deputación CP-3504, canalizando o tráfico pola AC-133, que é  a vía principal de acceso a Mugardos.

Por outra banda, mantéñense actuacións propostas con algún cambio ou incorporación, como a inclusión dunha vía prevista no Plan xeral de ordenación municipal de Ferrol, unha nova vía de conexión da FE-13 coa rúa Bimbieiro. Tamén se define unha proposta de actuacións concreta, en coordinación co Concello de Mugardos, para mellorar a conexión da VG-1.2 coa estrada AC-133 neste concello.

A modificación publicada hoxe no DOG tamén recolle que o orzamento estimado das actuacións programadas que restan por executar é de case 60 millóns de euros.

Plan sectorial

A finalidade deste plan é a mellora da mobilidade de Ferrol e a súa área de influencia para favorecer a fluidez do tráfico e desconxestionar as vías saturadas; así como evitar o tránsito de vehículos pesados por vías urbanas de escasa capacidade e con abundante tráfico de axitación, poñendo ao servizo dos cidadáns estruturas que permitan un desenvolvemento comarcal e a mellora da seguridade viaria.

O ámbito xeográfico que abrangue este plan sectorial comprende os Concellos de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, o que implica unha poboación beneficiada de máis de 130.000 habitantes.

Está en servizo unha porcentaxe de case un 80% da lonxitude de infraestruturas planificadas, con 65 quilómetros de actuacións executadas que melloran os accesos aos concellos afectados polo mesmo, coma o tramo Fene – Ferrol da AP-9, a autovía Ferrol – Villaba, o acceso ao porto exterior ou a vía para automóbiles entre Vilar do Colo e Mugardos. O investimento previsto no plan ascendía a 323 millóns de euros, dos que xa se investiron máis de 265 millóns de euros.

 

16 de xuño de 2015 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.