O dispositivo de seguridade da noite de San Xoán superará os 500 efectivos na Coruña
O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, presidiu esta mañá a Xunta Local de Protección Civil, onde se aprobou o dispositivo de seguridade e emerxencias de San Xoán que, este ano, supera por primeira vez os 500 efectivos, 26 máis que en 2014. Este dispositivo contará cun amplo abanico de recursos materiais, entre os que se atopa o sistema de vídeo-vixilancia que permite ao Grupo de Rescate Acuático do SEIS intervir para previr posibles accidentes na franxa litoral.
Nos últimos 4 anos duplicáronse os recursos humanos e incrementáronse os recursos técnicos para mellorar o dispositivo: posta en marcha do centro móbil de coordinación, do centro móbil de vídeo-vixilancia, 2 hospitais de campaña, 3 postos sanitarios, 2 postos de socorrismo, 13 ambulancias, e 8 vehículos de bombeiros, embarcación e moto de auga do Grupo de Rescate Acuático. Así mesmo, incrementouse a coordinación e sectorización dos efectivos de seguridade, emerxencia e sanidade. Doutra banda, o dispositivo é supervisado por auditorías externas, que axudaron a comprobar que se realizan adecuadamente os protocolos de traballo e permiten mellorar cada ano o dispositivo, e a tecnoloxía do sistema de vídeo-vixilancia axudou a evitar posibles accidentes no mar.
Estase desenvolvendo un programa educativo en centros escolares sobre consellos de seguridade e ambientais que pretende chegar a 6.000 persoas, entre profesores, alumnos e persoal non docente, e reforzarase coa instalación de paneis informativos nos accesos ás praias e carteis nos farois do paseo marítimo. Distribuiranse 100.000 folletos en toda a cidade, a través de centros cívicos, colexios, asociacións de veciños… co programa de actos, consellos de seguridade, medio ambiente e liñas especiais de bus.
O Goberno local organizou este dispositivo tendo en conta a previsión dunha afluencia de público similar á do ano pasado, cando se reuniron 140.000 persoas nas praias coruñesas, así como polo incremento do número de actividades de festas e lecer que se organizaron.
Establecerase un dispositivo de control do tráfico de vehículos e de peóns; control de baixada de materiais á praia; e control de fogueiras, sardiñadas e grelladas nos barrios. Este dispositivo estará formado por 30 policías locais que comezarán a súa tarefa ás 16.00 horas e cortarán o tráfico no paseo marítimo na zona de Riazor-Orzán-Matadoiro ás 20.00 horas. Á mañá seguinte, ás 10.00 horas, abrirase totalmente o tráfico.
Haberá outro dispositivo de seguridade e emerxencias no que participarán outros 119 policías locais, 40 policías nacionais, 40 bombeiros (incluíndo a Unidade de Rescate en Litoral), 33 membros de Protección Civil, 6 do Servizo de Socorrismo (incluíndo 1 médico e 1 DUE) e 42 persoas de Cruz Vermella (incluíndo 1 médico e un DUE).
Todo o dispositivo estará coordinado desde o Centro Móbil de Coordinación situado na Coraza, operativo desde as 18.00 horas; que, este ano, volverá contar co sistema de vídeo-vixilancia para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e seguridade, xestionado desde un Centro de Control Móbil con dúas cámaras na parte superior do vehículo -que estará situado na Coraza- e o despregamento doutras 10 cámaras portátiles que se situarán en puntos fixos do paseo marítimo entre as Escravas e Matadoiro. Durante a noite de San Xoán de 2014, este sistema detectou, entre a multitude, a 7 persoas que se estaban metendo na auga con intención de bañarse, o que propiciou a rápita intervención do Grupo de Rescate Acuático do SEIS para evitar un posible accidente.
San Xoán Sustentable
Co obxectivo de facer a noite de San Xoán máis sustentable, máis cívica e máis limpa, o Concello continuará coa campaña, posta en marcha en 2013, San Xoán sustentable, que organiza a Concellaría de Medio Ambiente e que consiste na repartición gratuíta de 150 toneladas de madeira limpa -o que equivale a 800 fogueiras-, nas praias de Riazor (3 puntos de repartición), Orzán (4 puntos de repartición), Oza (1 punto de repartición) e As Lapas (1 punto de repartición). A repartición comezará ás 16.30 horas, aproximadamente.
Así mesmo, dentro do programa de colaboración cidadá na recollida de lixo que se xera nas praias na noite de San Xoán, situaranse 10 colectores, 26 illotes para residuos inorgánicos e 23 para orgánicos, ao longo do paseo marítimo. De 00.00 a 04.30 horas, 18 monitores ambientais recollerán as bolsas de lixos que acheguen os usuarios das praias. En 2014, os cidadáns colaboraron depositando 10 toneladas de lixo nos colectores habilitados. Instalaranse, ademais, 34 aseos públicos no paseo marítimo e 12 na praia.
Plan Especial de Tráfico
O Concello porá tamén en marcha un dispositivo especial de tráfico, que contará con 8 liñas lanzadeiras que conectarán a praza de Pontevedra cos distintos barrios da cidade. A primeira saída da praza de Pontevedra efectuarase ás 00.30 horas e a última ás 02.30 horas, cunha frecuencia de 10-15 minutos. Desde as 03.00 e ata as 06.30 horas do día 24 de xuño sairán os autobuses do servizo Especial Bufo – San Xoán, cunha frecuencia de 30 minutos.
Así mesmo, habilitaranse dous aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade con capacidade para 4.000 vehículos, conectados con buses lanzadeira ata o centro, cada 15 minutos, de 22.30 a 02.30 horas, e cada 30 minutos, de 02.30 a 06.30 horas.











