O director de Investigación da Fundación Maria Wolff: «Primeiro temos que ver á persoa e só despois pensar na súa condición de paciente con Alzheimer»

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sesión de Rúben Muñiz

Sesión de Rúben Muñiz

O director de Investigación da Fundación Maria Wolff, Rubén Muñiz, impartiu este mércores na Coruña a segunda xornada do curso de verán, da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e AFACO, sobre atención a persoas con Alzheimer.

Muñiz subliñou que os coidados centrados na persoa constitúen «un modo de atención no que se debe ter en conta a opinión do paciente». Para iso, é necesario «buscar métodos» que permitan comprobar se os desexos manifestados pola persoa enferma se corresponden realmente «co que quere e necesita». «Primeiro temos que pensar na persoa e despois na súa condición de paciente de Alzheimer», sinalou.

Así mesmo, o director de Investigación da Fundación Maria Wolff xustificou a necesidade de prestar unha atención que vire ao redor da persoa enferma dada «a tendencia natural da sociedade a etiquetar as cousas» e porque «as institucións son malignas per se», ata o punto de «darnos por satisfeitos con aquilo que está normalizado», sen expornos a súa idoneidade. 

Precisamente, no que se refire á prestación de coidados dirixidos a «cubrir as necesidades básicas» destas persoas en residencias e centros de día, Muñiz sinalou a importancia de «ter moi presente o labor do coidador profesional». «A opinión de xerontólogos e auxiliares de clínica é fundamental». Neste sentido, Muñoz defendeu que o ámbito residencial, o prioritario sexa atender as necesidades dos usuarios e, acto seguido, as do persoal auxiliar, mentres que o chamado persoal técnico «debe estar ao servizo dos xerontólogos». Neste sistema organizacional, a dirección do centro sitúase abaixo, seguindo un modelo de pirámide investido. 

Con relación á organización dos centros asistenciais, Rubén Muñiz criticou a existencia das habituais quendas de traballo. «Se queremos dar calidade asistencial non se poden facer quendas no que os traballadores non coinciden nin ven, senón que as quendas deben solaparse para que flúa a comunicación» e así atallar posibles deficiencias. «Os graves problemas que xorden nas organizacións parten da incomunicación; cantos máis sistemas de comunicación internos existan, mellor. Trátase de non reproducir un modelo de organización industrial, senón un sistema intelixente», resolveu. 

A Fundación Maria Wolff promove a investigación clínica nas demencias. Desde 1994 céntrase nas terapias non farmacolóxicas aplicadas en centros de día e residencias. O obxectivo da Fundación é facilitar aos pacientes, os seus coidadores directos e aos profesionais que os atenden as mellores técnicas dispoñibles para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia.

Mañá xoves o director de I+D da Fundación Matia, Javier Yanguas, será o docente encargado de clausurar as xornadas. Este encontro formativo céntrase nos beneficios das terapias non farmacolóxicas, en cuxa implantación AFACO foi pioneira en Galicia. 

10 de xuño de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.