O director de AECALPO: “En Galicia necesítanse cambiar 1,7 millóns de xanelas por non ser eficientes enerxeticamente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

AECALPO, Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia, valora positivamente as axudas para a renovación de xanelas que hoxe convocou a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Con todo, tal e como afirma o director de AECALPO, Armando Mathieu, “desde a Asociación consideramos que non son suficientes para as necesidades reais que hai nesta materia. En Galicia necesítanse cambiar moitas máis xanelas das que vai acoller este programa de eficiencia enerxética. Agradecemos, sen dúbida, á Dirección Xeral de Enerxía e Minas os esforzos realizados e máis nestes tempos de convulsa conxuntura de crise económica; no entanto, fan falta maiores axudas. Estimamos que hai que cambiar ao redor de 1.7 millóns de xanelas en toda a Comunidade, dos case 3 millóns de xanelas existentes”.

AECALPO extraeu estes datos das conclusións do I Estudo Global sobre Usos e Hábitos de Consumo no Sector da Xanela, elaborado pola firma Roto Frank en colaboración co Instituto Cosmos: dos 25,2 millóns de vivendas contabilizadas en España (INE), un 55% non levou a cabo ningunha substitución nos últimos 8 anos, o que dá como resultado unha cifra de 69,3 millóns de xanelas obsoletas. No caso da Comunidade de Galicia, a quinta no ranking estatal de vendas con 2,8 millóns de xanelas, necesitaríanse cambiar uns 1,7 millóns de xanelas por considerarse a súa eficiencia enerxética moi baixa.  “É innegable  que temos que crear unha maior concienciación  sobre a importancia das xanelas, principais axentes da eficiencia enerxética no fogar. Pódese aforrar moito máis, tanto no verán como no inverno, cunhas eficientes características térmicas nas xanelas. É un investimento único que reporta rendibilidade a curto e medio prazo e un aforro inmediato”.

Doutra banda, AECALPO considera o prazo de execución deste programa “tardío e apresurado, o que vai levar dificultades para as empresas do sector posto que van ver concentrada até o mes de outubro a súa carga de traballo”. Neste sentido, Armando Mathieu fai fincapé en que unha maior axilidade na resolución das axudas por parte da Administración facilitaría a súa xestión e desenvolvemento por parte dos profesionais do sector. “O sector do cerramento conta con tan só seis meses para beneficiarse deste programa, de carácter anual. Noutros países europeos as políticas de aforro enerxético non son por subvención directa, senón por aforro en impostos sobre a renda, podendo o particular cambiar as xanelas en calquera momento do ano e estimulando, desta maneira, o mercado de maneira continuada”. 

26 de xuño de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.