O ‘Dinoseto’ quedarase varias semanas na Porta do Sol de Vigo á espera de ter crías

Instalación do Dinoseto
O arbusto podado con forma de dinosauro máis coñecido como ‘Dinoseto’ cambiou o seu asentamento á céntrica praza de Vigo de Porta do Sol, onde está previsto que permaneza “polo menos un mes”. “Tras un breve paseo por Rosalía foise cara á zona de Cabral, estivo alí unha tempada, pero decidiu vir a pasar unhas semanas a Porta do Sol”, explicou este venres en declaracións aos medios o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Así as cousas, o ‘Dinoseto’ permanecerá no centro mentres siga “sendo atractivo”, tras o que se prevé que sexa trasladado a Navia, concretamente a un parque temático da auga, que consistirá nunha demostración interactiva para que os nenos xoguen e entendan os procesos de xeración de enerxía.
“É posible que naquel momento xa teña crías, estamos a ver se os ovos que vai pór agora lle dan para iso. Estamos a pensar nas crías porque está a pór ovos”, ironizou o alcalde, que aseverou que o ‘Dinoseto’ é “un animal, está vivo, ten corazón, ten corpo, ten alma”.
Cuestionado acerca da posibilidade de que o ‘Dinoseto’ de Navia sexa “o seu irmán” e o actual se manteña na Porta do Sol, Caballero sinalou que “todo cabe no posible”. Neste sentido, incidiu en que o Goberno local é “moi dialogante” e “se hai unha demanda masiva de que continúe aquí máis tempo pode continuar”.
“Todo se pode ver, temos ideas respecto diso, se cadra dentro de non moito tempo hai outra novidade. É a imaxinación no poder”, subliñou Caballero, que recoñeceu que “mostras deste estilo son divertidas, entretidas e gústalles aos comerciantes da zona”.











