publicidade hoxe

O deporte toma Carballo coa 24 edición de Xogar na Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+
Presentación de Xogar na Rúa

Presentación de Xogar na Rúa

Xogar na Rúa cumpre 24 anos e pecha un ano máis o programa de Deporte Municipal en idade escolar no que participan as ANPAs do CEIP Fogar, do CEIP A Cristina, do CEIP Bergantiños, do CEIP Nétoma-Razo, do CEIP Xesús San Luís Romero e do CEIP Gándara-Sofán, así como a ANPA do CEIP Canosa-Rus, coa que colabora o programa xa que a maioría do alumnado é de Carballo. O deporte tomará as rúas o sábado 13 de xuño a partir das 17.00 horas con 16 actividades, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, inchable de Pocoyó, casiña de bolas, fútbol sala, atletismo, ciclismo ou capoeira, entre outras.

Cada ano, entre 800 e 1.000 nenos e nenas participan nesta cita de entre os 1.000 e 1.300 que tamén acoden habitualmente ao programa de Deporte en idade escolar. Tanto o responsable de Carballo Deporte, Francisco García Bello, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñaron que este ano, ao igual que hai oito, Xogar na rúa coincide nun día moi especial, como é o da investidura da nova corporación que, de seguro, poderá observar os preparativos da cita. Ferrero tamén espera que a reforma da rúa Colón estea practicamente rematada nesas datas, e que a Praza do Concello conte con 500 metros cadrados máis de espazo para acoller as actividades. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, resaltou tamén a lonxevidade da proposta, xa que “Carballo mudou, pero Xogar na Rúa xa leva 24 anos facendo que os nenos e nenas da vila xoguen fóra”, nunha cita senlleira para os veciños e veciñas.

Respecto das normas de participación da cita, son as dos últimos anos. Cada neno ou nena localiza no plano a actividade que desexa practicar, que conta cun monitor responsable encargado de supervisala. Os participantes deben respectar en todo momento as decisións dos animadores, non saír do recinto da Praza e colaborar no mantemento da limpeza do espazo. Este ano, ademais, Xogar na Rúa estrea camiseta conmemorativa, co logo de Carballo Deporte e tamén co patrocinio de Conservas Calvo polo seu 75 aniversario.

4 de xuño de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.