O cuarto posto de Isaac Toro e Carlos Arévalo en C-2 200 metros foi o mellor resultado dos padexeiros galegos en Bakú
O cuarto posto de Isaac Toro e Carlos Arévalo, en C-2 200 metros, e o sétimo lugar de Ana Varela en K-1 5.000 metros, foron os mellores resultados dos padexeiros galegos nos Xogos Europeos que se disputan en Bakú. A competición de piragüismo xa finalizou. Galicia presentou a oito padexeiros. Todos alcanzaron como mínimo as semifinais.
Isaac Toro e Carlos Arévalo mantiveron durante case toda a regata de C-2 200 metros as súas opcións de lograr unha medalla. Pero tivéronse que conformar co cuarto lugar tras unha dura pugna coa embarcación inglesa. A igualdade entre estes dous barcos foi enorme, ata o extremo de que ambos marcaron o mesmo tempo na chegada. Ana Varela, que competía con Isabel Contreras en K-2 500, afrontaron a final despois de pasar pola semifinal. Foron oitavas na regata decisiva. A compoñente do Kaiak Tudense tamén participou na proba de K-1 5.000 metros, na que logrou a sétima posición.
Galicia tivo outros padexeiros nos Xogos Europeos de Bakú. Roi Rodríguez foi undécimo en K-1 1-000 metros, é dicir, segundo na final B. Na proba de 5.000 metros terminou décimosexto. Pola súa banda, Rubén Millán e Víctor Rodríguez, en K-2 1.000 metros, foron sextos na semifinal, polo que non puideron acceder a regata decisiva.
André Oliviera, en C-1 1.000 metros, tamén sufriu na semifinal e non puido pasar do sétimo lugar. Tono Campos e Diego Romero, que competían en C-2 1.000 metros, terminaron no cuarto posto da semifinal e quedaron eliminados por escasa marxe.











