O coro de familias Siyahamba estréase en solitario en Vilagarcía cun conto africano musicado
O coro Siyahamba, creado no seo da asociación de Nais e pais do ensino musical “Atril” estréase o domingo en solitario cun concerto no Salón García. Para a súa posta de longo, a formación vocal integrada por nenos, mozos e adultos, ponlle música e coreografía a un conto tradicional africano. O espectáculo será ás 12:00 horas e a entrada custa 2 euros.
Siyahamba é un coro mixto a capella composto por 30 voces infantís e adultas. Os membros máis novos son alumnos da Escola de Municipal de Música e do Conservatorio Profesional de Vilagarcía, aos que se unen os seus pais e outros adultos co obxectivo de desenvolver este particular proxecto musical que lles permite gozar da música en familia.
O conto africano elixido para esta estrea en solitario titúlase “Kikete, o fillo de Shindo”, unha historia que Siyahama ilustrará musicalmente con cancións da tradición folclórica de distintos países da África negra. Con esta actividade, o director do coro, Enrique Martínez Rivero, pretende invitar ao público a “deixarse enmeigar polas lendas da vella África, encantar coas polifonías e poliritmias dunha música que aínda hoxe forma parte da vida cotiá das xentes que cantan e bailan ao seu son”.
O coro Siyahamba naceu hai catro cursos. Dende os seus inicios, diríxeo Enrique Martínez Rivero, licenciado en música pola especialidade de canto e profesor na escola de música de Vigo e en Vilagarcía. A formación ten participado en numerosos espectáculos musicais, actuando en escenarios tan distintos como as rúas de Vilagarcía ou no certame anual de corais da Deputación.
Trátase dun coro singular, tanto por integrar voces de diferentes idades como polo variado repertorio que interpreta (pezas corais das máis diversas tradicións musicais de todo o mundo), así como polo xeito de polas en escena, xa que ademais de cantar, o coro actúa.
As entradas para a función matinal do domingo poderanse adquirir ese mesmo día polo prezo simbólico de 2 euros no Salón García dende unha hora antes da actuación.











