O Concello de Vilagarcía recolle 150 solicitudes para realizar cachadas nas noites de San Xoán e San Pedro
A tradición de recibir o solsticio de verán coas tradicionais cachadas de San Xoán segue tendo un elevado número de seguidores en Vilagarcía, como demostran os 150 permisos solicitados para realizar fogueiras nas diferentes parroquias do municipio. O número de cachadas será máis elevado, posto que en moitas das solicitudes recollen a petición tanto para a Noite de San Xoán como para a de san Pedro. As primeiras noites do verán iluminaranse por toda a xeografía vilagarciá, tanto nas zonas do rural, como nos cascos urbanos.
O centro de Vilagarcía, Piñeiriño, Marxión, Rubiáns, cea, Cornazo, Trabanca Badiña, Carril, Vilaxoán, Trabanca Sardiñeira, Guillán, Solobeira, A Torre, O Sixto, A Laxe, Bamio e, por descontado, as praias urbanas da Concha-Compostela son os lugares nos que os vilagarciáns espantarán as meigas co lume purificador das cachadas.
O departamento de Medio Ambiente está informando as solicitudes presentadas co obxecto de publicar os permisos concedidos nos vindeiros días a través do taboleiro de anuncios da web municipal. O condicionante para poder realizar as fogueiras son o estrito cumprimento coas normas de seguridade marcadas no bando informativo que se distribuíu hai unhas semanas co obxectivo de garantir o normal desenvolvemento desta divertida e tradicional celebración popular galega.
As normas a seguir son establecer un perímetro de seguridade de 6 metros de radio por cada metro de altura da cachada. Debe poñerse especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, de que estean lonxe de zonas arboradas, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Non se poderán acumular combustibles nos arredores das fogueiras e tampouco se poderán queimar nelas material contaminantes ou perigosos, como neumáticos, aerosois, etc…
Para garantir a seguridade e atallar posibles incidencias, deberá disporse de material para a extinción do lume, tal como caldeiros con auga, area ou extintores, e os organizadores están obrigados a deixar completamente apagada a fogueira antes de marcharse, para o cal deberán empapala en auga. Ademais, con exceso de vento non se poderá prender a fogueira.
A maiores destas normas de seguridade, as fogueiras autorizadas nas praias deberán cumprir tamén o requisito de instalarse respectando os 6 metros de servidume de paso dende a liña de preamar ou marea alta, tal como se recolle na ordenanza reguladora do uso das praias.
No caso das cachadas autorizadas para celebrar en beirarrúas ou en calquera outro espazo público, ademais de cumprir os requisitos xa mencionados, deberá contarse co permiso de ocupación da vía ou espazo público, protexendo o pavimento con placas de ferro, area ou material similar que evite danalo e debendo deixar a zona limpa unha vez rematada a fogueira.
As fogueiras que non sexan autorizadas, ou as que non presentasen solicitude previa, non poderán levarse a cabo, quedando encargados os servizos municipais de impedir o seu desenvolvemento. Efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e da Policía inspeccionarán as fogueiras que obteñan permiso a efectos de verificar o cumprimento das normas de seguridade.











