O Concello de Santiago asina convenios con 14 entidades culturais por 50.000 euros
Deuse conta na Xunta de Goberno da sinatura de 14 convenios culturais por un importe total de 50.380 euros. Ademais, aprobouse o texto de colaboración cultural coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para financiar diversas actividades culturais, cunha asignación de 250.000 euros.
Os 14 convenios están destinados a financiar actividades das seguintes asociacións ou entidades: Casa da Troia, Música en Compostela, Asociación Cultural O Galo, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación do Traxe Galego, Museo do Pobo Galego, Fundación Rosalía de Castro, Asociación Cultural e Folclórica Colexiata do Sar, Ateneo de Santiago, Real Sociedade Económica de Amigos do País, Asociación Cultural Francisco Asorey, Asociación Cultural Rocha Forte, Fundación Compostela Arquitectura e Confraría da Veracruz.
Financiamento de actividades musicais
Ademais, o Goberno local en funcións aprobou o texto de colaboración cultural coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización e financiamento de proxectos de dinamización e intervención artística, autorizando ao Auditorio de Galicia para executar e xestionar as actividades froito deste convenio, polo que recibirá o importe da subvención que lle transfira a Xunta de Galicia ao Concello por este motivo.
O convenio que ten unha asignación de 250.000 euros, continúa a liña establecida no ano 2014 e vai dirixido de forma prioritaria a apoiar os festivais de música que se celebran na cidade con maior vinculación co patrimonio arquitectónico e artístico, como son o Festival de Músicas Contemplativas, o Festival Via Stellae e o Ciclo de Lied.











