O Concello de Ourense inicia a actividade “Paseos para todos/as”
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense inicia esta semana a actividade “Paseos para todos/as”, un ciclo de rutas deportivo-culturais por diferentes zonas de interese da cidade, que se desenvolverán os 4 sábados do mes de xuño, pola mañá. Son andainas culturais, con actividades complementarias, pensadas para persoas de tódalas idades, polas marxes dos ríos Miño e Barbañá, o Castro de Santomé e Montalegre. As rutas non requiren inscrición previa. Todas terán como punto de saída e chegada (ás 10 e 13h) os xardíns do Pavillón Municipal dos Remedios.
Sábado, 6 de xuño: Ruta do Miño
Ponte Vella – Termas da Chavasqueira – O Tinteiro – Termas do Muiño e regreso. De dificultade baixa, con 8 km de lonxitude, e un baño nas Termas do Muiño paras as persoas que o desexen.
Sábado, 13 de xuño: Ruta do Barbaña
A Molinera – Paco Paz e regreso. Cunha dificultade baixa (8 km.) e un obradoiro de taichi/ioga no Paco Paz
Sábado, 20 de xuño: Ruta do Castro de Santomé
Ponte Vella- Salesianos- Río Loña – Mende- Castro de Santomé e regreso
Dificultade baixa/media (9km), con visita guiada ao Castro de Santomé
Sábado, 27 de xuño: Ruta Parque Botánico de Montealegre
Ponte Vella – Campus – Barrio do Cuco – Montealegre – Parque Botánico e regreso por Ceboliño. Con dificultade media/alta, 12 km, e visita guiada ao Parque de Montealegre
Programa de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade
Estes paseos forman parte do programa de promoción de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade que desenvolve o Concello.
O seu obxectivo é fomentar patróns alimentarios equilibrados que garantan unha nutrición máis saudable na poboación e sensibilizar sobre os beneficios dunha dieta equilibrada e o mantemento dun peso axeitado, corrixindo erros na alimentación diaria.
Nel se inclúen 4 tipos de accións: servizos de asesoría alimentaria e plan de menús para comedores colectivos, a aula alimentaria para escolares de 4º de Primaria, a Aula alimentaria para poboación en xeral e as andainas “Paseos para todos/as”
As persoas interesadas en participar nas actividades propostas neste programa poden solicitar máis información ou inscribirse na Concellería de Saúde do Concello de Ourense, na rúa Concordia, 20, entrechán, teléfono 988 510622, correo electrónico alimentacion@ourense.es











