publicidade hoxe

O Concello de Oleiros contrata novas melloras en eficiencia enerxética que suporán un aforro de 20.000 euros ao ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros contratou unha serie de melloras na iluminación pública encamiñadas a xerar un importante aforro enerxético que levará tamén unha considerable economía para as arcas municipais. Estas medidas, froito das solucións tomadas tras a Auditoría enerxética realizada en 2010 e cuxa implementación nos últimos anos supuxo xa un aforro anual de máis de 360.000 euros, suporán unha redución do gasto anual doutros 20.000 euros.

Nos próximos días, investirase 26.394 euros en instalar sistemas de telexestión nos 19 centros de mando da iluminación pública municipal. Ademais, e como sucedeu xa noutras zonas do municipio, as urbanizacións de Beiramar, Agramar e Hábitat contarán con novas luminarias de tecnoloxía led. Estes traballos supoñen un investimento total de 66.759 euros, polo que o tempo de retorno fíxase en pouco máis de tres anos.

A instalación dos sistemas de telexestión nos centros de mando de iluminación pública permitirá aumentar a redución de consumo ao mellorar considerablemente o rendemento sobre a programación estándar destes sistemas. Ademais o Concello recibirá alarmas en tempo real que poñan en aviso do roubo de cable ou de calquera fallo do sistema nunha área concreta.

Pola súa parte, as novas luminarias que serán instaladas, en total máis de 75, non provocan contaminación lumínica, polo tanto manteñen as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio dos ecosistemas locais e diminúen o resplandor luminoso nocturno na visión do ceo. Ademais consumen menos do 50% de enerxía mantendo a calidade da iluminación e diminúen o gasto de mantemento por ter unha prolongada vida útil.

5 de xuño de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.