publicidade hoxe

O Concello de Malpica reforza a seguridade durante as festas e inicia o servizo de salvamento nas praias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza en Malpica durante as festas de San Adrián, que se celebrarán dende mañá venres ata o domingo, debido a que se espera unha afluencia masiva de visitantes, sobre todo o domingo pola mañá. O dispositivo da romaría estará integrado por 40 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local _que se reforza con persoal dos concellos limítrofes_ e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.

A comisión de seguridade leva semanas traballando na organización dos efectivos e dos servizos para veciños e visitantes, que disporán de zonas de aparcamento gratuítas e debidamente sinalizadas, e que ademais estarán vixiadas por persoal de Protección Civil e Policía Local. Dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar atascos no centro, onde a circulación estará restrinxida.

As festas de San Adrián converten Malpica, tradicionalmente, no punto de encontro de milleiros de persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia. Os servizos a veciños e visitantes completaranse coa entrada en servizo do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por seis persoas, nas praias de Area Maior e Canido. Os socorristas traballarán dende o sábado 20 de xuño ata primeiros de setembro, en horario ininterrumpido de 12 a 20. Nas praias do municipio que non dispoñen de servizo de salvamento xa están colocados os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.

18 de xuño de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.