O Concello de Lalín garante a alimentación dos nenos de familias con poucos recursos durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Para evitar unha posible estigmatización, permitirase a participación de todos os cativos que o desexen. O departamento de servizos sociais do Concello sufrirá unha reorganización e será reubicado no segundo andar do consistorio.

O Concello de Lalín, consciente das desigualdades e das dificultades económicas provocadas pola crise, quere evitar que calquera menor do municipio sufra carencias alimentarias durante o verán. Deste xeito, porase en marcha un servizo de actividades estivais con comedor, co que se pretende garantir a alimentación de todos os nenos e nenas en situación desfavorecida.

O Concello demandaralle á Consellería de Educación a posibilidade de abrir os comedores escolares para este fin. Ante unha previsible resposta negativa por parte da administración autonómica, o responsable de asuntos sociais, Nicolás Gónzález Casares, indicou que “se buscará outra tipo solución, pero non se permitirá que ningún neno sufra problemas de alimentación”.

O proxecto funcionará de xeito semellante ao dun campamento urbán. Cada mañá, os nenos participarán en actividades lúdicas, deportivas e educativas, para rematar nunha comida que terá lugar no comedor dun dos colexios urbanos.

Para evitar calquera posibilidade de estigmatización, o servizo non irá dirixido unicamente a menores en situación de maior necesidade, senón que estará aberto a todos os nenos e nenas que desexen participar. Tendo en conta a demanda que poida haber, os cativos en situación de dificultade terán absoluta prioridade para acceder ás prazas de comedor.

A apertura a toda a infancia tamén terá outro tipo de consecuencias positivas, xa que servirá como programa de conciliación para aquelas familias que teñan complicacións para atender aos nenos no verán por cuestións laborais, por exemplo. Aínda non hai unha data concreta para o comezo do servizo, debido a que quedan por resolver algúns trámites administrativos, mais a Concellería de Servizos Sociais está traballando para poñelo en funcionamento“coa máxima urxencia”.

A proposta foi aprobada en consenso por todo o executivo municipal, que encabeza Rafael Cuíña e que ten como absoluta prioridade o benestar social dos cidadáns de Lalín.

Reorganización do departamento de Servizos Sociais

Ademais, Nicolás González Casares explicou que se executará unha reorganización física no departamento de Servicios Sociais do Concello, que probablemente se traslade ao segundo andar do consistorio. Isto débese a unha demanda do persoal, que atinxe problemas de comodidade na súa actual ubicación.

19 de xuño de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.