O Concello de Lalín destina 18.000 euros a axudas para estudantes con dificultade socioeconómica
Cada alumno ou alumna beneficiado recibirá a cantidade de 100 euros, independentemente da etapa educativa na que se atope. O pagamento das bolsas farase mediente a entrega dun vale que terá que ser canxeado nalgunha das librerías ou comercios do concello de Lalín.
O concelleiro de Servizos Sociais, Nicolás González Casares, anunciou que se destinará unha contía de 18.000 euros en bolsas complementarias ao estudo, para a adquisición de material escolar e roupa deportiva de cara o curso académico 2015/2016. Os beneficiarios serán os alumnos e alumnas matriculados en centros educativos do concello de Lalín de familias en situación socioeconómica de dificultade.
Ao contrario que en anos anteriores, nos que a distribución das partidas era diferente en función do nivel cursado polo estudante, na presente convocatoria, cada alumno ou alumna beneficiada recibirá a cantidade de 100 euros, independentemente da etapa educativa na que se atope matriculado ou matriculada (infantil, primaria, secundaria obrigatoria).
O prazo para solicitar as bolsas de axuda aínda non está aberto. A súa apertura farase nos próximos días, cando se aproben definitivamente as bases reguladoras para a súa concesión e se indiquen no boletín oficial.
Unha vez pechado o prazo de solicitude, seleccionaranse as familias ás que se lle concederán as bolsas complementarias ao estudo. A elección levarase a cabo despois de estudar a situación de cada familia, empregando uns criterios de baremación nos que se terá en conta a situación económica da unidade familiar, o número de membros de cada unidade, así como o número de membros de cada familia que cursen estudos. Así mesmo, teranse como referencia para a adxudicación das bolsas diferentes criterios sociais.
En canto ao método de pagamento das axudas, pódese adiantar que serán aboados ás persoas solicitantes mediante a entrega dun vale que terá que ser canxeado nalgunha das librerías ou comercios do concello de Lalín. Dito vale destinarase exclusivamente á adquisición de material escolar ou roupa e calzado deportivo.











