publicidade hoxe

O concello de Castro de Rei xa conta con autorización para o arranxo do local da antiga escola de Mondriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de Rei
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de autorizar ao Concello lucense de Castro de Rei o arranxo do local da antiga escola de Mondriz, concretamente no lugar de Eixavedra-Mondariz e que deberá empregarse para uso veciñal, o que redundará na calidade de vida dos habitantes deste municipio.

A autorización queda restrinxida á edificación tal como consta no proxecto técnico e con exclusión do resto das edificacións que podan estar ubicadas na parcela. Ao estar en solo rústico prohíbese a demolición das construcións con especial valor arquitectónico, histórico ou etnográfico.

Por outra banda, deberanse obter as licencias municipais e demais autorizacións e informes perceptivos segundo o disposto na lexislación sectorial que sexa de aplicación. Nomeadamente, deberá obterse o permiso do organismo titular da estrada N-640.

Antecedentes

Este municipio da provincia de Lugo solicitou a autorización da Xunta en solo rústico para o arranxo do local da antiga escola de Mondriz, para elo xa redactara o proxecto coa documentación necesaria, para que se puidera verificar o cumprimento das condicións establecidas pola Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUG) para autorización en solo rústico.

O que se pretende coa rehabilitación é a recuperación da edificación tradicional existente, mediante o arranxo da cuberta, apertura de varios ocos, o acondicionamento interior e exterior; a reparación e e colocación de novas carpinterías, rexuntado de pedra da fachada e nova foxa séptica e reforzo de pozo de auga. A parcela conta cunha superficie de 6.584 metros cadrados.

Hai que sinalar que o Concello de Castro de Rei carece de planeamento xeral, contando só cunha delimitación de solo urbano aprobada no ano 1977, polo que é de aplicación o réxime establecido na disposición transitoria primeira da LOUG.

26 de xuño de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.