O Concello de Cangas garantiza comida aos nenos no seu fogar durante o verán
O Concello de Cangas pon en marcha unha iniciativa con motivo do peche dos comedores escolares para dar así continuidade ás axudas para estes rapaces que teñen o comedor 100% subvencionado durante o curso na época estival, facilitando así unha alimentación equilibrada e adaptada ás necesidades dos nenos no seu propio entorno. A iniciativa abranguerá dende xullo ata as primeiras semanas de setembro e terá un custe de arredor de 4.800 euros.
Esta iniciativa beneficiará a 28 menores de 22 familias diferentes e levarase a cabo a través dunha empresa de catering que se encargará de levar os alimentos aos fogares dos nenos. O servizo realizarase dúas veces á semana: o luns e o xoves. Os rapaces, con idades comprendidas nos cursos de educación primaria, serán os únicos beneficiarios do programa, xa que segundo o concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Igualdade, Tomás Hermelo, “non hai capacidade para dotar a toda a familia de alimento por escaseza de recursos nas arcas municipais”.
Hermelo apuntou ademais que “hai 111 Risgas concedidas e 26 persoas esperando pola concesión, 2 delas dende 2014. Tardan demasiado tempo en estar resoltas e incúmprese o prazo (de dous meses) por sistema”. O concelleiro pide que se cumpran os prazos.
A Concellería de Servizos Socias, Sanidade e Igualdade traballará paralelamente coa Concellería de Ensino e Deportes para unir esforzos. O concelleiro, Xoán Chillón, aludiu na rolda de prensa á renovación do convenio dos catro comedores xestionados polo Concello e a Consellería de Educación. Un convenio de carácter bianual, cun aporte de 80.000 euros que ampliará as prazas,de 110 a 150.











