O Concello da Laracha manterá a estrutura de goberno da anterior lexislatura
A nova Corporación Municipal da Laracha reuniuse hoxe venres nunha sesión extraordinaria na que a orde do día xirou en torno á organización do Goberno local e da estrutura interna do funcionamento dos diferentes órganos colexiados durante a lexislatura que acaba de comezar.
En primeiro lugar foron constituídos os grupos políticos da Corporación, os seus integrantes e os seus portavoces. O grupo municipal do Partido Popular estará formado por 12 concelleiros, mentres que os grupos municipais do PSOE e o BNG terán dous concelleiros cada un e Terra Galega (TeGa) contará cun edil.
As sesións ordinarias do Pleno celebraranse bimensualmente, no último venres (ata agora eran os mércores) de cada mes impar, ás 13:30 horas.
Posteriormente acordouse que o Concello manterá o mesmo equipo de goberno da pasada lexislatura, que estará estruturado no Alcalde (José Manuel López Varela) e en catro concellerías delegadas:
– José Ramón Martínez Barbeito será o primeiro tenente alcalde e manterase como concelleiro delegado das áreas de persoal, medio ambiente, servizos municipais, asumindo tamén a partir de agora as de feiras e mercados.
– Jesús Souto Pena, ademais da segunda tenencia de alcaldía, será o edil responsable de urbanismo, obras e patrimonio.
– Patricia Bello Canedo manterase como delegada en materia de ensino, cultura, deportes e xuventude, de turismo e de festas.
– Rocío López Rey continuará ostentando as delegacións relativas aos servizos sociais, emprego, sanidade e muller e, desde agora, tamén a de promoción económica.
Comisións informativas
Na nova lexislatura simplificaranse as Comisións Informativas Permanentes. Anteriormente había cinco e agora soamente serán constituídas dúas, concretamente as de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas e de Asuntos Xerais do Pleno.
En ambos casos estarán integradas por membros dos catro grupos políticos da Corporación proporcionalmente á representatividade no Concello, isto é, por cinco do grupo do Partido Popular, dous do BNG, dous do PSOE e un de TeGa.
Xunta de Goberno Local
Nomeouse como membros da Xunta de Goberno Local, ademais de ao alcalde, José Manuel López Varela, a José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto, Ramiro Bello, Alberto Blanco e Alberto Fuentes.
Este órgano terá unha periodicidade semanal e as sesións ordinarias serán os xoves hábiles (na pasada lexislatura reuníase os luns), o que permitirá axilizar a tramitación administrativa dos asuntos que sexan da súa competencia.
Mesa de contratación
Foi constituída a mesa de contratación que estará formada polo Alcalde, os dous primeiros tenentes alcalde, un representante de cada grupo da oposición, o interventor e secretario da Corporación e a arquitecta e a enxeñeira técnicas municipais.
Persoal eventual
Por último, a Corporación acordou o mantemento durante a próxima lexislatura dos dous traballadores que conforman o persoal eventual: a responsable da coordinación de subvencións e o encargado de prensa e relacións institucionais.
As súas funcións e retribucións serán as establecidas na relación de postos de traballo elaborada pola Universidade de Santiago de Compostela para o Concello da Laracha e que está en vigor desde o ano 2009.











