O Concello da Laracha instala 19 paneis informativos na zona da Rede Natura 2000 de Caión
O Concello da Laracha vén de acometer a segunda fase de actuación contemplada no proxecto de mellora e posta en valor dos terreos da Rede Natura 2000 situados na parroquia de Caión, áreas incluídas tamén na zona de especial conservación (ZEC) da Costa da Morte. Durante os últimos días foron instalados no paseo marítimo e nas sendas de Anobos e de Augacae un total de dezanove paneis nos que se ofrece información sobre os hábitats, biodiversidade e especies animais e vexetais existentes nestes lugares.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e José Ramón Martínez Barbeito, edil responsable da área de medio ambiente, comprobaron hoxe persoalmente o resultado das actuacións desenvolvidas.
Estes traballos foron promovidos polo Concello da Laracha e cofinanciados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O obxectivo final foi completar e complementar as actuacións desenvolvidas a finais do ano pasado e que deron como resultado a acondicionamento de sendas, camiños e carreiros para deixalos en boas condicións para permitir o tránsito a pé polos mesmos, ofrecendo a posibilidade a veciños, turistas e visitantes de disfrutar dunha área de especial riqueza medioambiental e beleza paisaxística, xa que desde este lugar pode divisarse o litoral do inicio da Costa da Morte (Caión, Baldaio e as illas Sisargas) e parte do de Arteixo (incluíndo o porto exterior de Punta Langosteira).











