O Concello da Laracha financiará a creación do comedor escolar do colexio de caión
O CEIP de Caión contará no próximo curso cun comedor escolar tralo acordo recentemente alcanzado entre o Concello da Laracha, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a comunidade educativa do colexio (equipo directivo, persoal docente e Anpa).
Os alumnos que cursan os seus estudos no centro poderán ter acceso a este novo servizo a partir do próximo mes de setembro, cando se reinicie a actividade tralas vacacións de verán.
O Concello da Laracha asumirá integramente o financiamento tanto das obras de albanelería, carpintería, electricidade e fontanería que será preciso realizar nas instalacións como a dotación co equipamento necesario para o correcto funcionamento do comedor (electrodomésticos, mobiliario, menaxe e accesorios).
As actuacións previstas cumprirán cos requisitos estipulados pola Xunta de Galicia e desenvolveranse por completo durante a época estival, polo que non afectarán á actividade no centro en horario lectivo e estarán concluídas para recibir aos alumnos xa de cara ao inicio do curso 2015-2016.
O comedor escolar do CEIP de Caión, que funcionará con catering externo, porase en marcha co fundamental obxectivo de facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos pais dos alumnos do centro.











