O concello da Laracha e os taxistas consensúan a nova normativa municipal para o sector
O Concello da Laracha está a ultimar a redacción da nova ordenanza que regulará a prestación do servizo público de taxi e que estará adaptada aos últimos cambios establecidos na lei estatal. A previsión é que dita normativa municipal entre en vigor a finais de verán.
Co obxectivo de explicar as modificacións que se establecerán e consensuar o contido do texto, o alcalde, José Manuel López Varela, e técnicos municipais mantiveron unha reunión no Salón de Plenos co sector á que se convidou a asistir a todas as persoas que posúen a licenza de taxi expedida polo Concello da Laracha.
Entre outras cuestións falouse da obriga de contar cun taxímetro en cada vehículo tan pronto entre en vigor a nova normativa, quedando así mesmo establecidas as tarifas oficiais que deberán aplicarse aos usuarios. Neste sentido o alcalde adiantou que o Concello, por medio de subvencións nominativas, colaborará co sector asumindo o cincuenta por cento do custe da adquisición, montaxe e instalación dos taxímetros.
Outra das cuestións que se regulará na nova ordenanza municipal serán as quendas de garda que deberá realizar cada taxista para que sempre existan vehículos dispoñibles para os usuarios nas 24 horas do día e os 365 días do ano.
Os cambios na normativa teñen por esenciais finalidades adaptarse á lei estatal e mellorar a prestación deste servizo público, o que beneficiará tanto aos profesionais do sector como aos usuarios.











