O Concello da Laracha comezou a notificar aos propietarios de terreos en núcleos para acometer a súa limpeza
O Concello da Laracha comezou a notificar individualmente a todos os propietarios de terreos e solares situados en núcleo (tanto nos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión como en zonas residencias do resto das parroquias) e que non se atopen en óptimas condicións de conservación, hixiene, salubridade e ornato público, a obrigatoriedade de acometer a súa limpeza e mantemento.
Paralelamente, desde o Concello tamén se realizou unha campaña, como cada ano nas semanas previas á chegada do verán, para informar da obrigatoriedade de manter en todo momento (durante todo o ano) en boas condicións os solares situados en zonas residenciais (Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia), así como de xestionar a biomasa vexetal antes do 30 de xuño en todos os terreos influencia forestal (Lei 3/2007, do 9 de abril, de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais en Galicia).
Nos requirimentos que se están a enviar por correo ordinario advírtese aos titulares dos terreos que o incumprimento da normativa vixente poderá implicar sancións administrativas, ademais de asumir o propietario das parcelas o custe das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello da Laracha executará subsidiariamente.











