O Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido levará a partir de agora a denominación de David Cal
O Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido levará a partir de agora a denominación de David Cal, segundo a resolución adoptada pola Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administración Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A proposta foi realizada pola Federación Galega de Piragüismo tras coñecerse a retirada da competición do medallista olímpico. A instalación foi inaugurada en 2007 e desde entón acolle todos os campionatos galegos e un gran número de regatas a nivel nacional
A resolución da Xunta de Galicia “concede a denominación de Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido-David Cal ao Complexo Náutico e Campo de Regatas de Verducido”. O padexeiro galego anunciou o pasado mes de marzo a súa retirada da alta competición despois de lograr cinco medallas olímpicas, ademais doutras en campionatos do mundo e de Europa.
Desde que se coñeceu a decisión de David Cal, a Federación Galega de Piragüismo impulsou a iniciativa de que un lugar tan emblemático como a pista de Verducido levase o seu nome como homenaxe e recoñecemento á súa traxectoria deportiva. A Xunta de Galicia, propietaria da instalación, acolleu a proposta e realizou os trámites correspondentes ata a súa aprobación por parte dos órganos competentes.
A pista foi o escenario do Campionato de Europa en 2007, ano da súa inauguración. Acolleu numerosos campionatos de España e multitude de regatas. É tamén o centro de adestramento habitual para numerosos clubs e deportistas.
Na actual tempada acolleu a Copa de España de 500 e 200 metros e os días 11 e 12 de xullo disputarase o Campionato de España de verán, unha competición na que participarán máis de seiscentos deportistas.