O Comité Directivo da CEP aproba os nomeamentos e a actualización de cargos
O Comité Directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) reuniuse onte para aprobar nomeamentos pendentes e para coñecer o balance das contas da organización empresarial, tanto dos últimos tres exercicios (2012-2014) como do primeiro cuadrimestre do ano, que en breve serán presentadas na Asemblea Xeral.
En substitución do anterior presidente, aprobouse o nomeamento do actual presidente da CEP, Jorge Cebreiros Arce, no Comité Executivo e a Xunta Directiva da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); na Presidencia de Cecotran; na Fundación Provigo; na Vigo Convention Bureau, e como vogal no Consello Económico e Social de Galicia.
Nos mesmos termos ratificouse a designación na Comisión de Economía da CEG do novo tesoureiro da CEP, César Sánchez-Ballesteros, en substitución do anterior.
No Comité Executivo da CEG foron aprobados os nomeamentos de Javier Touza Touza, mentres que na Xunta Directiva da confederación empresarial galega aprobáronse os de Manuel Vázquez Iglesias e César Sánchez Ballesteros.
Adicionalmente, aprobouse a designación de Félix Rodríguez Regueiro como vogal no Comité Provincial do INSS, tras a renuncia do anterior titular. Por último, ratificouse a designación de José Luís Sanz Escribano como representante da CEP no Consello Escolar Municipal de Vigo.
Outro dos puntos da reunión do Comité Directivo da CEP de onte foi a presentación, por primeira vez, dun balance de anos comprendidos entre o 2012 e o 2014, así como do primeiro cuadrimestre do presente ano, nun exercicio de responsabilidade e transparencia sen antecedentes. As contas definitivas serán presentadas en breve á Asemblea Xeral da CEP.











