O Colexio de Psicoloxía explora o mundo audiovisual como ferramenta de intervención
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza este sábado 13 de xuño na súa sede en Santiago de Compostela un obradoiro de aproximación ao audiovisual como ferramenta na intervención psicolóxica. Ao longo da xornada, as persoas asistentes coñecerán a metodoloxía de VideodinamizArte, que propón o audiovisual como un medio útil para profesionais da psicoloxía na súa práctica.
Grazas á democratización tecnolóxica, que fai máis accesible a produción audiovisual a diversos colectivos, pode empregarse este recurso para reflectir a súa realidade social e persoal. Así mesmo, resulta moi atractiva para públicos mozos ao tempo que pode contribuír ao intercambio xeracional e rachar coa coñecida fenda dixital. Desde VideodinamizArte propoñen a premisa de que “na medida en que miramos e encadramos a nosa realidade, mirámonos e encadrámonos a nós mesmos”.
VideodinamizArte está formado por Ana Seijo Cuba, psicóloga con Diploma de Estudos Avanzados en Psicoloxía Social, musicoterapeuta e terapeuta Gestalt; xunto coa realizadora e docente audiovisual Sabela Pernas Soto. Na xornada deste sábado que organiza a Sección de Psicoloxía da Intervención Social darán a coñecer as diferentes posibilidades de traballo con diferentes colectivos a través do audiovisual, á vez que servirá de introdución da linguaxe audiovisual como ferramenta de comunicación e de expresión. Desenvolverase unha práctica vivencial de dinámicas de creación audiovisual para coñecer mellor o uso desta ferramenta, ademais de abrir un espazo de reflexión arredor das potencialidades do vídeo para a exploración e a intervención psicolóxica.











