O colexio Apóstol Santiago de Vigo recibe o premio do XXI concurso Euroscola 2015

Entrega do premio
O Colexio Apóstol Santiago de Vigo recibiu hoxe o premio que o acredita como o gañador galego da XXI edición do concurso Euroscola 2015, unha iniciativa pedagóxica organizada polo Parlamento Europeo. A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, desprazouse hoxe ata o centro educativo da cidade para entregar o diploma aos participantes e ao grupo gañador da Comunidade Autónoma que, nesta ocasión, recae no equipo Beta do Colexio Apóstol Santiago. Ademais, o grupo Nexus, deste mesmo centro educativo, conseguiu quedar coma segundo clasificado. O terceiro posto foi para o IES Félix Muriel de Rianxo e, en 4º lugar quedou o IES Praia Barraña de Boiro.
O equipo gañador da Comunidade Autónoma está formado por 11 rapaces de 16 e 17 anos coordinados polo profesor Raúl Prada que, ao longo dos últimos meses nos que desenrolaron o seu proxecto, realizaron actividades de distinta índole coma, por exemplo, unha carreira solidaria para recadar fondos para o comedor social Vida Digna e a ONG Entreculturas.
Coma premio, reciben a participación no programa Euroscola do Parlamento Europeo na súa sede de Estrasburgo, unha achega económica da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado coma axuda á viaxe ademais de diverso material didáctico coma achega da representación en España da Comisión Europea, da Secretaría de Estado para a UE, Instituto da Xuventude en España e da Plataforma de Voluntariado en España.
A participación neste programa é unha experiencia única para que os alumnos e alumnas dos centros escolares poidan vivir de cerca o proxecto de integración europea. Os mozos e mozas españois gañadores poderán compartir esta experiencia con outros xoves seleccionados dos outros estados membros da Unión Europea, converténdose en eurodiputados por un día na sede do Parlamento Europeo. Coñecerán así de primeira man o traballo dos eurodiputados a través de debates sobre temas de actualidade para a mocidade, negociacións co resto de participantes e a votación ou adopción de acordos.
“O noso mundo, a nosa dignidade, o noso futuro”
O programa Euroscola é un concurso convocado pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois. Trátase dun xogo ‘online’ composto por unha serie de probas de coñecementos, habilidades, destrezas e intelixencia, vinculado a temas de gran transcendencia europea.
Esta edición estivo adicada ao Ano Europeo do Desenvolvemento 2015 co lema “O noso mundo, a nosa dignidade, o noso futuro”. Neste sentido, os obxectivos prioritarios deste ano eran informar sobre a cooperación da Unión europea na erradicación da pobreza dentro e fora de Europa; promover a participación cidadá, fomentar un sentimento de responsabilidade entre os cidadáns, sensibilizar á opinión pública sobre o papel da cooperación; e destacar a importancia da contribución dos mozos.
En definitiva, o programa Euroscola trátase dun proxecto pedagóxico de educación en valores centrado en informar e achegar á mocidade as posibilidades de participación na cooperación ao desenvolvemento, promover o pensamento crítico e o sentido da responsabilidade e convidar ao medio educativo a realizar proxectos solidarios.
Nesta edición participaron 469 equipos, dos que 218 completaron as dúas fases do concurso sendo os equipos gañadores nacionais os relativos aos seguintes centros escolares:
– Colexio Agustiniano de Madrid
– Colexio Sagrado Corazón de Tarifa das Palmas de Gran Canaria
– IES Trassierra de Córdoba
– IES Hermanos Argensola de Barbastro (Huesca)
– IES Almina de Ceuta
– IES Pinar de la Rubia de Valladolid
– IES La Laboral de Lardero (A Rioxa)
– Colexio Apóstol Santiago de Vigo
– Colexio Bellatrix de Calasparra (Murcia)
– Colexio Hijas de Jesús de Pamplona











