O CMIX pon en marcha a campaña ‘Móvete’15’ sorteando dous billetes de Interrail

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, a través da área de Mocidade,  informa de que o CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil) puxo en marcha a campaña Móvete’15. A iniciativa ofrece aos xóvenes información para  planificar e  organizar as súas viaxes e pon á súa disposición a Viaxeteca do CMIX composta  por abundante material documental e bibliográfico: un servizo de préstamo de guías de viaxe, folletos turísticos, mapas e planos, itinerarios, transportes, aloxamentos, turismo activo, campamentos, campos de traballo ou cursos de idiomas; podéndose ademais tramitar todos os carnés específicos para a mocidade: Xove euro<30, Alberguista, Internacional de estudante e  Xove internacional.

A campaña Móvete, grazas á colaboración de Renfe Viaxeiros, ábrese cun sorteo de dous billetes de Interrail entre todas aquelas persoas con idades comprendidas entre 15 e 35 anos que utilicen o servizo de información do CMIX entre o período comprendido entre o 28 de maio e o 25 de xuño.

Paralelamente, e ao longo do verán 2015, iranse desenvolvendo unha serie de iniciativas tales como o XII Concurso de fotografía Viaxarte, dous talleres gratuítos de fotografía para viaxes e un Encontro Viaxeiro.

A este Encontro, que se celebrará o 15 de xullo no Fórum Metropolitano, está convidado Carlos Caraglia, aventureiro, fotógrafo e activista ambiental que realizou 5 expedicións nos Polos  e que compartirá as súas experiencias viaxeiras con outras persoas.

Ademais, o CMIX convoca a XII edición do concurso Viaxarte de fotografía de viaxes, e  o prazo para a admisión de fotografías será do 1 de xullo ao 2 de setembro. Poderán participar mozos de entre 15 e 30 anos, con fotografías relacionadas co tema viaxeiro, e poderán gañar unha viaxe a unha capital europea. Todas as fotografías presentadas a concurso formarán parte da exposición que se realizará en outubro  no Fórum Metropolitano, e cunha selección delas editarase un catálogo fotográfico.

 

1 de xuño de 2015 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.