publicidade hoxe

O CETMAR e os seus socios amplían a rede de observación oceánica cunha nova boia na Ría de Muros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMuros
A-
A+

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os seus socios no proxecto RAIA.co ampliarán a súa rede de observación oceánica transfronteiriza coa instalación dunha nova boia na Ría de Muros. Únese así ás estacións existentes en Cortegada, Illa da Rúa (Riveira), Rande, Borneira, Illas Cíes e A Guarda.

A posta en marcha deste novo aparello é froito do traballo conxunto do CETMAR, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia-INTECMAR, de MeteoGalicia e do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, todos eles socios en RAIA.co. Preténdese así mellorar o seguimento ambiental, ampliar a área xeográfica cuberta ata agora e consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica.

A nova boia, de 2,2 metros de diámetro de flotador e 3,5 metros de alto, será fondeada hoxe polos técnicos ao sueste de Muros e disporá de sensores que recollerán datos meteorolóxicos (vento, temperatura e humidade) e oceanográficos (correntes e temperatura/salinidade). Toda a información compilada nela estará dispoñible en tempo real a través das páxinas web de INTECMAR e MeteoGalicia.

Esta baliza, que xa foi presentada ás confrarías da zona, permitirá coñecer o estado do mar na ría de Muros-Noia, servindo de apoio aos labores de pesca e marisqueo que se veñen realizando decotío.

A Fundación CETMAR e os seus socios do Observatorio RAIA veñen traballando dende o ano 2008 cara a posta en marcha e mantemento dunha rede de observación oceánica transfronteiriza que consolide a oceanografía operacional na marxe ibérica. Estas accións inclúense no marco do Observatorio RAIA, financiado mediante o Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea.

Ademais, dende o Observatorio RAIA desenvólvense modelos océano-meteorolóxicos de alta resolución para facer fronte a problemas concretos. Deste xeito, xéranse produtos e servizos adaptados ás necesidades dos diferentes sectores e usuarios finais, impulsando o desenvolvemento de novas tecnoloxías mariñas de amplo espectro.

25 de xuño de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.