O Centro Príncipe Felipe acollerá o único campus de fútbol que se organiza en Galicia do FC Barcelona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Cidade Infantil Príncipe Felipe acollerá o único campus de fútbol oficial que o FC Barcelona desenvolverá en Galicia este verán. Dirixido a nenos e nenas de 6 a 16 anos, o campus terá lugar do 27 de xullo ó 1 de agosto e contará coa presenza de adestradores e xogadores do club azulgrana e outros deportistas de elite.

Na presentación desta mañá no Centro Príncipe Felipe os organizadores do campus puxeron de manifesto que o FC Barcelona se decantou pola cidade pontevedresa porque “debe estar ligada a eventos deste calado, de primeiro nivel, que poñan o nome de Pontevedra ó lado do de cidades coma México, Singapur ou Dubai, onde se realiza este tipo de campus”.

Pola súa banda, a deputada Begoña Estévez salientou que “é un luxo para a cidade contar cunhas instalacións coma as de Príncipe Felipe e abrilas a este tipo de actividades de verán; é esencial para que os nenos convivan e se divirtan facendo deporte”.

Este campus, inspirado nos valores do FC Barcelona (respecto, esforzo, ambición, traballo en equipo e humildade), ofreceralles a todos os nenos participantes a oportunidade de coñecer a metodoloxía da FCB Escola. Serán os propios adestradores desta escola os que determinen as pautas de formación básicas co fin de mellorar as habilidades futbolísticas das futuras promesas deste deporte.

Dúas modalidades de inscrición

O campus desenvolverase de luns a venres, en quendas de mañá e tarde, e os sábados pola mañá. Ademais dos adestramentos futbolísticos inclúe a realización de actividades lúdicas e didácticas que completen a formación dos participantes.

Así mesmo, o campus ofrece dúas modalidades de inscrición: de media pensión, con xantar e merenda, ou pensión completa coa estancia incluída. Haberá descontos especiais para as familias e todos os participantes recibirán o equipamento completo do FC Barcelona e diverso material oficial do conxunto catalán.

15 de xuño de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.