publicidade hoxe

O candidato socialista a presidir a Deputación de Lugo acusa ao BNG dunha actitude hipócrita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Becerreá e candidato socialista a presidir a Deputación de Lugo polo PSOE, Manuel Martínez, acusou este luns ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e ao Bloque de manter “unha actitude hipócrita e de falta de coherencia”. Así o manifestou a dous días do pleno de investidura onde os nacionalistas anunciaron que non votarán ao candidato socialista por estar imputado en relación a unhas obras no municipio de Portomarín e antes de comunicar o Bloque que daba por interrompidas este luns as negociacións co PSdeG ao redor da renovación das deputacións.

Martínez, que é tamén o responsable provincial en funcións de Vías e Obras, lembroulle a Xavier Vence que “foi el mesmo o que trazou unha liña divisoria entre imputacións por corrupción e as de tipo administrativo”. “Que sería na que presuntamente estaría eu inmerso e non nunha imputación por corrupción”, precisou.

“E esa liña divisora que pon para o seu partido debería pola para os demais. Eu non son militante do BNG, eu teño que aterme aos estatutos do PSOE e cúmproos escrupulosamente”, sentenciou Martínez.

Ademais, o candidato socialista apela a que está “exactamente igual que antes de declarar”. “Estou inmaculado”, asegurou. “Eu fun a declarar ao xulgado (fai máis dun ano) nunhas dilixencias de investigación e tras esa declaración non houbo ningunha medida cautelar, nin fianza, nin teño que asinar no xulgado periodicamente”, abundou.

Finalmente advirte que “non vai permitir” que Vence o converta nun corrupto e un lercho”. “Porque non o son”, apostilou. “Espero que o sentido común os leve a retornar a situación e conformar un goberno de progreso que piden os cidadáns da provincia de Lugo”, engadiu.

Así mesmo, insiste en que a súa imputación vén dada por “un tema administrativo” e recoñece que “o director técnico era de vías e obras, pero a obra e todo o expediente tomáronse na Unidade de Proxectos da Deputación”. “Iso pasou hai un ano, nin me acordaba. Pasei de ser un imputado de merda a un imputado de elite”, concluíu.

COHERENCIA

Pola súa banda, antes de comunicar o Bloque a interrupción das negociacións cos socialistas, o vicepresidente en funcións da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presumiu de “coherencia” no seu rexeitamento a que o alcalde de Becerreá e portavoz socialista en funcións no ente provincial presida o organismo debido á súa imputación por supostas regularidades nunhas obras en Portomarín.

“Nós en primeiro lugar reafirmamos a nosa coherencia, desde logo o BNG tiña clara esta proposta, non é un veto, é unha proposta, unha declaración de principios, e non é de agora, todo o mundo sabía cal era a postura do BNG”, defendeu ao presentar as actividades do programa Cultura Aberta 2015.

“Hai un escenario aberto, pero imos respectar esas negociacións, que se están facendo en clave de país para as tres deputacións”, recoñeceu antes de que o Bloque as dese por interrompidas.

Por outra banda, Veiga xustificou que o BNG continúe no goberno provincial tras a imputación de Martínez hai un ano en base a que “en 2011 negociouse para 2011-2015 e a partir de agora ábrese un escenario, negociar 2015-2019, e os condicionantes non son os mesmos, desde logo, que en 2011”.

22 de xuño de 2015 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.