publicidade hoxe

O Campus de Fútbol da Fundación Celta en Oroso ofrece visita a Balaídos, aquapark, sendeirismo, piscina e outros deportes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A Fundación Celta de Vigo e a Escola Deportiva Xuventude Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, celebrarán do 6 ao 31 de xullo unha nova edición do seu campus de fútbol, que canda a formación en fútbol inclúe tamén a posibilidade de participar en actividades extra como rutas de sendeirismo, visitas a Balaídos e ao aquapark de Cerceda ou a práctica doutras modalidades deportivas. Unha edición que foron presentadas esta mañá polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta Torres; que estiveron acompañados polo concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde; polo presidente da ED Xuventude Oroso, José Ferro Calvo; e polo coordinador xeral dos Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo, Alejandro Abade.

Manuel Mirás indicou que “estamos moi satisfeitos de como está funcionando o deporte en Oroso, especialmente o fútbol onde o Xuventude Oroso encabeza todas as clasificacións. Un éxito que é froito do traballo conxunto que temos levado a cabo nos últimos dez anos” e lamentou que “as autoridades supramunicipais non estean á altura, senón que están poñendo trabas porque, de non ser polos esforzos dos concellos, sería moi difícil que estas actividades puideran saír adiante”. 

Pola súa banda, Germán Arteta, explicou que os nenos e nenas que participen no Campus de Verán de Oroso “vivirán o sistema de traballo das categorías inferiores do Celta de Vigo. Pero non esquecemos a parte humana, porque non só apostamos pola formación deportiva senón tamén por unha formación en valores como a solidariedade, o traballo en equipo, a integración, o esforzo, o sacrificio…” 

Visitas a Balaídos e A Madroa

O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso 2015 terá unha duración de 4 semanas, entre o 6 e o 31 de xullo. As familias terán a posibilidade de matricular aos cativos por semanas soltas e de elixir entre dúas modalidades: matinal (de 10:00 a 14:00 horas) ou completa (de 10:00 a 18:00 horas). Durante as mañás, os rapaces vivirán concentrados coma nun equipo de fútbol, mentres que pola tarde haberá distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark e, como novidade deste ano unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e un tour polo estadio de Balaídos. 

O campus está aberto a todos os nenos de entre 4 e 16 anos que o desexen, se ben os empadroados en Oroso ou que formen parte da ED Xuventude Oroso teñen dereito a unha rebaixa de 20 euros sobre a tarifa oficial. Unha tarifa que é de 120 euros (matinal) ou 170 euros (completa sen xantar) e 190 euros (completa con xantar). Se a inscrición é por dúas semanas, os prezos son de 160 euros, 210 euros e 250 euros, respectivamente. Se a anotación é por tres semanas, as cotas de inscrición son de 190 euros (matinal), 240 euros (completa sen xantar) e 300 euros (completa con xantar). Por último, o custe polas catro semanas é de 220 euros, 270 euros e 350 euros, respectivamente. Haberá descontos por un segundo irmán e a inscrición inclúe unha equipación Adidas da Fundación Celta de Vigo.

As follas de inscrición poden recollerse no Centro Deportivo de Sigüeiro ou a través da ED Xuventude Oroso (www.xuventudeoroso.com). O prazo de inscrición remata o 1 de xullo.

Colaboración

Por outra banda, a Fundación Celta de Vigo e a ED Xuventude Oroso aproveitaron a presentación do campus para renovar por catro anos máis o convenio de colaboración entre ambas entidades. “Somos un club pequeno e co Real Club Celta de Vigo damos un salto cualitativo”, explicou José Ferro, presidente da ED Xuventude Oroso, quen indicou que “empezamos a colaborar hai dez anos e agora xa temos tres equipos na liga galega, o que demostra que o traballo vai pola liña correcta”.

1 de xuño de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.