O BNG rexeita debater sobre quen lidera a marea galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, respondeu este xoves á negativa do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a que sexa a súa formación a que lidere unha eventual marea galega para as eleccións xerais. “Non é cuestión de quen é o que lidera”, sostivo, non sen recordar que o Bloque xa ofreceu “renunciar ás súas siglas”.

Tras un acto con alcaldes nacionalistas, ao ser preguntado polas palabras do rexedor herculino, Vence recordou que a súa formación lanzou “a idea de conformar unha candidatura galega de unidade” para os comicios estatais dende a premisa de que poida incorporar a todas as persoas e partido que teñan como obxectivo prioritario “defender os intereses estratéxicos de Galicia” dende o Congreso dos Deputados.

De feito, asegurou que todas as organizacións que compartan esa visión están “invitadas”. “Nós estamos socializando esta idea con moitas persoas, colectivos e forzas políticas,” sinalou, dende o convencemento de que Galicia necesita “ter unha voz potente para defender os seus intereses” en Madrid.

Así é que, sen deixar de insistir en que a súa formación pretende “dialogar con todos”, Vence subliñou que esa candidatura sería “da sociedade que quere poñer os intereses de Galicia por enriba dos seus”. “Particulares ou partidarios”, apostilou, entre apelacións de que os nacionalistas están “dispostos a compartir esa proposta”, enfocada a “defender de forma insubornable” esta comunidade.

Neste sentido, xulgou que o nome ou a conformación da candidatura sería algo “secundario”. “Non temos precondición nin definición do nome”, asegurou, antes de soster que iso se decidiría entre “tódolos que decidan integrarse”. Porque, ao seu entender, o importante é lograr un grupo parlamentario galego “non subordinado a ningún outro”.

CON FORZAS ESTATAIS?

En canto á súa conformación, indicou que non se definen os participantes “en función das siglas”, senón do seu posicionamento favorable a defender “Galicia como nación” e “o dereito a decidir das nacións sen Estado”. Noutras palabras, trátase de incluír todos aqueles que “crean que Galicia ten que ser o centro e a referencia fundamental”.

“Queremos sumar a todas as forzas que queren voz propia para Galicia”, resumiu o líder nacionalista despois de avanzar que nas asembleas está a “haber consenso, como o hai na dirección” sobre a necesidade de “conformar unha candidatura ampla e plural” co fin de que Galicia estea “representada con forza no Congreso”, ao igual que Cataluña e Euskadi.

DEPUTACIÓNS

Por outra banda, cuestionado Vence acerca das negociacións co PSdeG para gobernar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, explicou que polo momento se están a contrastar visións, pois o Bloque defende a necesidade de “reformar” estas institucións.

Como recalcou, trátase de lograr o seu “adelgazamento” e “descentralizar parte dos seus recursos e competencias” cara aos concellos, para que poidan “prestar os servizos públicos de proximidade”.

“Estamos a negociar co PSOE un acordo programático para transformar as deputacións”, explicou, e indicou que tamén o negociará co resto de forzas do espectro da esquerda con representación na Deputación da Coruña.

En canto á súa pretensión de facerse coa presidencia desta, Vence díxo que non se falará “do organigrama e dos cargos de cada forza para visibilizar a súa achega” ata que se peche o acordo gramático.

ACORDO CON COMPOSTELA ABERTA

Por outra banda, a responsable de Acción Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presente xunto a Vence, respondeu a unha pregunta sobre a posibilidade de que a súa formación entre con Compostela Aberta no Goberno de Santiago. Ao respecto, sinalou que “dende o martes día 9” non se produciu ningún contacto coa plataforma que lidera Martiño Noriega.

E, tras as declaracións do candidato nacionalista na capital galega, Rubén Cela, sobre a falta de interese de Compostela Aberta de alcanzar un acordo co BNG, a dirixente nacionalista puntualizou que non se arrepinte de apoiar a investidura de Noriega. E é que, dende o seu punto de vista, era necesaria “unha política alternativa” á do PP.

18 de xuño de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.