O BNG compostelán traballará para garantir a estabilidade do goberno de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A asemblea local do BNG de Santiago acordou traballar para “garantir unha estabilidade” do goberno municipal baixo o programa co que concorreu ás eleccións e, polo momento, con “acordos puntuais e progresivos”. Con todo, “se se dan as circunstancias no futuro”, o Bloque compostelán avanzou que valorará as propostas de Compostela Aberta para “chegar a un acordo de gobernabilidade baixo puntos programáticos, de apoios puntuais ou mesmo para conformar goberno”.

Nun comunicado, a formación nacionalista informou das cuestións analizadas na súa asemblea local, entre as que se deu conta da “existencia de resistencias no interior de Compostela Aberta (CA) para formar goberno conxuntamente”.

Respecto diso, lembrou que a candidatura encabezada por Martiño Noriega realizou a repartición das áreas e tenencias de Alcaldía “sen informar á comisión negociadora nin ao grupo nacionalista”, nunha proposta de goberno que “comezou xa o seu percorrido en solitario”.

Por iso e tendo en conta como CA “xestionou os prazos para realizar unha oferta de goberno”, o BNG acordou traballar para “garantir a estabilidade do goberno” con “acordos puntuais e progresivos”. “Sen présa por chegar a acordos de integración no goberno, máis aínda cando a entrada do BNG non supón conseguir a maioría absoluta que posibilitase maiores e máis rápidos avances sobre un programa de transformación do Concello”, sinalou.

Deste xeito, o BNG destacou que iniciará o mandato “baixo a premisa de dar traslado ás reivindicacións dos veciños” e agradeceu a posición da asemblea de Compostela Aberta que, “aínda que non se traduciu nunha proposta firme para entrar no goberno, aprobou esa vontade”.

26 de xuño de 2015 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.