O arquivo provincial da Coruña estrea plataforma web coincidindo co Día Internacional dos Arquivos
O arquivo provincial da Deputación da Coruña estrea hoxe plataforma web con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos no enderezo http://archivo.dicoruna.es/.
A través desta páxina, integrada na web provincial, daranse a coñecer todos os datos relativos aos servizos que ofrece o arquivo, como a consulta en sala, a reprografía ou a biblioteca auxiliar. Entre a oferta da plataforma, ademais de fotografías e información histórica sobre a institución e as súas diferentes etapas, ofreceráselle aos usuarios a posibilidade de solicitar telematicamente a consulta de documentos. Ata agora, os investigadores debían solicitar este permiso de forma presencial e dende hoxe poderán facelo a través do formulario dispoñible na nova web, vía pola que recibirán tamén a resposta.
O persoal que traballa no Arquivo da Deputación é o encargado de organizar, custodiar e difundir toda a documentación que xerou a institución provincial ao longo dos anos, así como doutros documentos que forman parte dos seus fondos a través da doazón, compra ou transferencia e que están ao servizo tanto da propia institución como doutras administracións.
Documentos de importante valor patrimonial e histórico
Nas dependencias do Arquivo da Deputación provincial pódense consultar documentos de importante valor patrimonial e histórico como o primeiro libro de actas da institución provincial, do ano 1822; ou proxectos de estradas provinciais realizados dende o ano 1868. Gárdase tamén a acta notarial de 1880 que recolle a cesión do Hospital Real de Santiago á Deputación ou o proxecto da cárcere de Betanzos do ano 1865, obra do arquitecto González Villar.
Ademais, baixo custodia do Arquivo provincial atópanse diversas coleccións de gran valor, como poden ser planos da cidade da Coruña de comezos do século XIX, un deles sinalando as forticacións; ou unha colección de cartas da familia de Rosalía de Castro e Manuel Murguía; unha colección de discos de vinilo de música clásica con preto de 2.000 unidades; unha mostra de fotografías da actividade da Deputación Provincial da Coruña durante o século XX; ou unha compilación de escritos de José Mosquera, O Vello dos Contos, con Otero Pedrayo, o músico Baldomir… etc











