O alcalde de Vilagarcía solicita sendas entrevistas cos conselleiros de Educación e de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, solicitou hoxe formalmente sendas entrevistas cos conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Medioambiente, Ethel Vázquez. No primeiro caso para abordar un asunto do que o conselleiro ten noticia por escrito: a posibilidade de abrir os comedores escolares durante o verán; no segundo, para retomar os compromisos adquiridos polo anterior conselleiro, Agustín Hernández, de investimento no saneamento da ría e especificamente na extensión da rede no propio Concello de Vilagarcía, o que suporía, segundo se anunciou hai apenas dous anos, un investimento de aproximadamente oito millóns de euros só na cidade.

Dende a Consellería de Educación xa responderon a solicitude de entrevista sinalando que se realizará á maior brevidade posible; dende Medioambiente aínda non hai reacción. De todos os xeitos, o que máis presa corre ao goberno local é a reunión con Educación posto que as vacacións escolares comezaron xa e o equipo de Alberto Varela quere definir canto antes como garantir a manutención dos nenos e nenas en situacións económicas más desfavorecidas, se ben este non é o único obxectivo da medida: para o goberno local é preciso favorecer tamén a conciliación da vida familiar e escolar, xa que, como lle explicou na carta enviada a Román Rodriguez, todos coñecen os problemas que causan as vacacións nos colexios cando estas coinciden cos períodos de traballo de pais e nais. Na misiva, o alcalde subliñaba tamén que o censo escolar de nenos e nenas que cursan Educación Infantil e Primaria rolda os tres mil matriculados.

Como xa se anunciou hai uns días, no caso hipotético de que a Xunta responda negativamente, o Concello prepara xa un plan alternativo e para iso a concelleira da Benestar, Tania García, xa se reuniu cos responsables técnicos de Servizos Sociais e quere facelo neste días coas principais ONGs que traballan neste eido. García confía en que, no peor dos casos, a consellería permita abrir un dos comedores, de cuxa xestión se encargaría o concello ata o comezo do novo curso.

PLAN LOCAL DE SANEAMENTO

A outra entrevista solicitada por Alberto Varela ten que ver co cumprimento dos compromisos sobre o denominado Plan Local de Saneamento de Vilagarcía, integrado á súa vez no Plan Integral de Saneamento das Rías. Ao respecto, a consellería que entonces dirixía Agustín Hernández elaborou un completo estudo da situación da rede de saneamento na cidade Vilagarcía e determinou as actuacións a realizar para acabar cos problemas dos vertidos ao río e ao mar e tamén co das inundacións. O proxecto de Vilagarcía precisa un investimento de preto de 8 millóns de euros nos próximos anos que financiaría a Xunta a través de fondos europeos. Aínda en novembro de 2013, o entonces conselleiro explicou que o inicio destas actuacións estaba pendente da distribución de fondos por parte da UE e que, en todo caso, eran “prioritarias” para o seu departamento. O alcalde comprende que semellante investimento poida resultar agora imposible, pero confía en que alomenos se poida ir executando por fases para evitar problemas como os detectados na praia ou en determinados barrios á carón do río do Con, por exemplo.

23 de xuño de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.