O alcalde de Vilagarcía reunirase cos novos propietarios de Lantero para coñecer os plans para a fábrica do Pousadoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Aberto Varela Paz, reunirase nos vindeiros días con representantes de DS Smith, a nova propietaria da cartoneira Lantero co obxectivo de coñecer de primeira man os plans que a firma británica ten para a planta do Pousadoiro. A sorpresiva venta por parte de Lantero e Hijos da planta á empresa británica que xa contaba co 25% do capital da cartoneira xerou certa preocupación inicial no goberno local que pretende que os novos xestores manteñan os acordos acadados coa plantilla a efectos de manter o emprego e tamén que a cartoneira manteña a súa actividade no municipio.

Varela falou este mediodía cun representante de Lantero e Hijos que lle comunicou que a familia está realmente apenada pola venta da empresa que significaba moito sentimentalmente para todos eles posto que con ela comezaron unha traxectoria empresarial moi importante a nivel nacional e internacional. Non obstante, o voceiro da familia aseguroulle ao rexedor que a venta é a mellor medida que podían adoptar para garantir a estabilidade e viabilidade futuras da fábrica.

Os antigos propietarios serán os encargados de presentar ao alcalde aos representantes de DS Smith que se farán cargo da planta do Pousadoiro, na reunión que celebrarán no Concello proximamente. Varela adiantou ao respecto que, aparte de interesarse por coñecer os plans da firma británica para coa fábrica de Vilagarcía, tamén lle trasladará o desexo do goberno local de que a cartoneira manteña a súa actividade en Vilagarcía e de que os novos propietarios conserven a plantilla e respecten os acordos acadados entre a Lantero e Hijos e o Comité de Empresa tras o prolongado conflito laboral de hai uns meses.

O alcalde socialista tamén ten previsto dirixirse ao presidente do Comi8té de Empresa da cartoneira para coñecer a opinión da masa social antes da reunión cos novos propietarios. 

26 de xuño de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.