O alcalde de Santiago cre que a emerxencia do momento xustifica candidaturas de unidade de esquerdas
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu este venres que “a emerxencia do momento” actual xustifica a confluencia “da “esquerda partidaria e a esquerda social” e situou a IU como un dos “actores” deste proceso de unidade. Preguntado en rolda de prensa sobre a visita do candidato de IU ás eleccións xerais, Alberto Garzón, no medio de conversacións sobre a eventual conformación dunha marea de cara a eses comicios, Noriega recordou que o domingo participará nun acto con el.
E, tras reivindicar a “potencialidade” da unidade, subliñou que un dos chamados a esa confluencia é Garzón, tanto no “persoal” coma “no colectivo”, en referencia á súa formación.
En concreto, o deputado de IU estará no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, dentro do ciclo ‘Conversas con…’ organizado por Compostela Aberta. Por este foro xa pasaron, nos últimos meses, o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras; a coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz; e a secretaria de Análise Política e Social de Podemos, Carolina Bescansa.











