O alcalde de Ferrol advirte que paralizará o gasto superfluo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en Común), realizou este luns un percorrido por diversas dependencias situadas no Consistorio para coñecer aos funcionarios municipais e para darlles o seu “respaldo”. “Confiamos plenamente na función pública para levar adiante o traballo administrativo do Concello”, abundou.

Na visita polo edificio municipal Suárez estivo acompañado por Beatriz Sestayo, que será nomeada primeira tenente de alcalde, tras chegar a finais da pasada semana a un acordo co responsable de Ferrol en Común para formar unha coalición de goberno de esquerdas.

O tamén militante de Esquerda Unida adiantou que os próximos días ten previsto solicitar a cada departamento unha auditoría interna de cada negociado. “Tal e como nos comprometemos no noso programa, para coñecer a situación real do concello”, aclarou.

“Todo aquilo que consideremos gasto superfluo e se poida deter, paralizarémolo, porque agora o obxectivo son as persoas”, abundou en relación ás conclusións dos informes.

Ademais, Suárez manifestou que “agora o que toca é dar solucións aos problemas máis inmediatos” e referiuse á necesidade da contratación do servizo de socorrismo para as praias, que ten que estar xa funcionando o próximo 1 de xullo, e tamén a contratación das festas de verán, ademais “da xestión dalgunhas subvencións, que levan mesmo aparellada a posible perda de postos de traballo, algo que non podemos permitir”.

REUNIÓN DE GOBERNO

Tamén durante este luns produciuse a primeira reunión do novo executivo local, composto por once concelleiros -seis de Ferrol en Común e cinco do PSOE- “para abordar o noso programa e que pivotará sobre a necesidade da creación de emprego e da recuperación demográfica, ademais dos servizos públicos”.

Suárez tamén asegurou que a súa xornada comezou ás 8,00 horas e que o programa definitivo do seu goberno será “ofrecido proximamente”, aínda que manifestou que o mesmo aínda deberá de ser ratificado en asemblea pola súa formación, “tanto o programa como as áreas de goberno”.

Neste encontro tamén se abordou a repartición dos espazos que ocupará cada grupo municipal, así como os despachos destinados aos integrantes do novo goberno.

Deste xeito, Suárez mostrou a súa intención de manter co mesmo reparto que ata o momento os locais de cada partido e que, polo momento, non ten decidida a data de celebración do pleno encargado de aprobar onovo organigrama da administración local, tanto de composición de xunta de goberno, de comisións, de datas de plenos e nomeamento de persoal, “xa que existe un prazo legal de trinta días”.

Pola súa banda, a socialista Beatriz Sestayo destacou que estas primeiras horas no Concello de Ferrol foron “moi intensas” e asegurou que mesmo algúns veciños con “problemas graves” xa se achegaron sobre as 8,30 horas ata o edificio municipal. Con todo, subliñou afronta esta nova faceta “ilusionada e comprometida”.

Así mesmo, no caso do PSOE, a tamén secretaria local, destacou que este pacto xa foi abordado en asemblea, “que o apoiou e fíxoo ademais cun gran respaldo”.

DEPUTADA E DIMISIÓNS

Ademais, a preguntas dos medios de comunicación sobre se a tamén deputada autonómica pensa dimitir do seu cargo no Parlamento de Galicia, unha vez que é concelleira, Sestayo manifestou que “cando tome unha decisión definitiva sobre este particular primeiro coñecerana” os seus “compañeiros e logo os medios de comunicación”. “Tal e como entendo que debe de ser a política”, apostilou.

Sestayo tampouco quixo pronunciarse sobre as dúas dimisións producidas nos últimos quince días de dous integrantes da executiva ferrolá que ela lidera, Manuel Cendán, o 30 de maio, e Eva Martínez, o pasado venres día 12. A edila sentenciou que “non é o momento nin o lugar e que as cuestións do PSOE deben de estar noutros lugares e foros”.

15 de xuño de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.