O alcalde da Laracha recibe ao C.B. Laracha M3 tralo seu ascenso á terceira división

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Recibimento no consistorio

Recibimento no consistorio

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e José Ramón Martínez Barbeito, tenente alcalde, recibiron hoxe na Casa Consistorial aos xogadores, corpo técnico e equipo directivo do Club Baloncesto Laracha M3, o equipo sénior masculino da entidade que nesta temporada se proclamou campión de Liga regular de 4ª División da zona da Coruña e tamén campión do Grupo Norte da Fase de Ascenso, polo que na próxima campaña 2015-2016 xogará no Grupo A Coruña-Ferrol da 3ª División.

Na súa intervención o alcalde felicitou a todos os membros do equipo e valorou o esforzo que os levou a alcanzar un fito histórico para o club e para o baloncesto larachés. Referiuse, ademais, a que a maior parte dos xogadores son veciños do municipio e levan varios anos competindo xuntos no mesmo equipo, algúns deles partindo desde as categorías de base. 

O rexedor municipal aproveitou a ocasión para facer referencia ó importante labor que está a facer o C.B. Laracha para potenciar a práctica desta modalidade deportiva en categorías de base e tamén entre as mulleres. O club, ademais do equipo sénior masculino, conta con:

– Sénior feminino (C.B Laracha Novafacial): 14º clasificado na 2ª División Galega.
– Júnior feminino (combinado co Xiria de Carballo): Compite en 2ª División.
– Cadete masculino: compite en 2ª División.
– Cadete feminino (combinado co Xiria de Carballo): Compite en 2ª División e, ademais, o pasado sábado proclamouse campión da Copa Primavera.

O C.B. Laracha conta actualmente con cincuenta fichas federativas entre todos os seus equipos. Sumadas aos setenta rapaces que se están iniciando neste deporte por medio das escolas deportivas municipais, na Laracha hai actualmente unhas 120 persoas que practican baloncesto ao longo de todo o ano. Por iso José Manuel López Varela mostrouse satisfeito por comprobar “a consolidación do basket na Laracha”.

O presidente do C.B. Laracha, Javier Álvarez, o vicepresidente, Eliseo Velo, e o tesoureiro, Daniel García, referíronse á presenza do equipo sénior masculino na 3ª División a próxima temporada como un “fermoso reto” que lles permitirá enfrontarse a xogadores veteranos e clubs destacados da zona da Coruña e Ferrol. Todos coincidiron en resaltar o “bo ambiente” vivido no club ao longo de toda a campaña, considerando que foi un dos principais factores do éxito alcanzado e un impulso para captar máis xogadores e tamén socios do club, fixados actualmente na cifra de 200 persoas.

2 de xuño de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.