O alcalde da Coruña visita os asentamentos precarios da Pasaxe, As Rañas e O Portiño

O alcalde da Coruña na visita aos asentamentos na Pasaxe
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado dos concelleiros e concelleiras Rocío Fraga, Igualdade e Diversidade, Silvia Cameán, Xustiza Social e Coidados, e Xiao Varela, Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, visitaron na tarde deste martes os asentamentos precarios da cidade da Pasaxe, As Rañas e O Portiño.
“Calquera habitante da Coruña, e xa non digamos un alcalde ou o Goberno local, debería ser consciente das duras condicións nas que viven moitos dos nosos veciños e veciñas en asentamentos precarios como os da Pasaxe, As Rañas ou o Campanario, que hoxe visitamos para ter unha impresión de primeira man que non fai máis que confirmar a nosa intención, xa plasmada no programa electoral, de poñer en marcha un Plan de Erradicación dos Asentamentos Precarios que propoña unha solución integral que poña fin a un problema enquistado que durante anos non foi atendido por gobernos locais que preferiron a táctica da patada a seguir, que só trasladaba problemas en vez de presentar solucións”, valorou o alcalde, que tamén estivo acompañado no percorrido pola ONG Arquitectura Sen Fronteiras.
“Sabemos que a dos asentamentos precarios na Coruña non é unha cuestión que poidamos arranxar a curto prazo, talvez tampouco no medio, pero desde logo, como corresponde á súa vocación social, é un dos obxectivos políticos irrenunciables deste goberno municipal, que desde xa traballará directamente, sen problema ningún á hora de pisar o terreo como hoxe, coas persoas afectadas e coas organizacións que mellor coñecen o que ocorre en calquera destes lugares, como por exemplo na Pasaxe, onde desde o Concello xa estamos a definir liñas de mediación entre partes que poidan achegar solucións ás urxencias máis inmediatas que están a xurdir”, informou Ferreiro.











