O alcalde da Coruña ve condenado ao fracaso que o BNG intente liderar un proxecto conxunto para as xerais
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, rexeitou que o BNG lidere unha plataforma cara ás eleccións xerais e advertiu que, de ser así, non sería “un proceso de unidade” e estaría “condenado ao fracaso”. A preguntas dos xornalistas sobre a formulación do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, de promover unha candidatura de “grande espectro” de cara ás xerais, avogou por que calquera formulación a este respecto se faga “dende o respecto e a diversidade”.
“Que ninguén intente capitalizar nin liderar ningún tipo de proceso de acumulación de forzas”, advertiu o líder da Marea Atlántica, quen recalcou que esta fórmula “a”ten que liderar o cidadán”.
UNIDADE OU FRACASO
Así, precisou que, “de non ser un proceso de unidade, estará condenado” ao fracaso”. Ferreiro recalcou tamén que “dar o liderado” á cidadanía é “imprescindible” se se quere “que as cousas saian ben noutros marcos territoriais fóra do municipal”.
O alcalde da Coruña realizou estas manifestacións tras presidir unha reunión para dar o visto bo ao dispositivo de San Juan, elaborado polo anterior goberno municipal.











