O 68% das exportacións marítimas de Galicia saíron desde o porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O valor das mercadorías embarcadas e desembarcadas no Porto de Vigo durante o pasado exercicio superou os 11.400 millóns de euros. Segundo explicou en rolda de prensa o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, esta cifra reflicte a magnitude do valor da mercadoría que se move a través do Porto vigués e que, segundo apuntou, é un 50% superior ao orzamento anual da Xunta de Galicia, que cifrou ao redor dos 8.500 millóns de euros.

Durante a súa intervención, López-Chaves destacou o valor industrial alcanzado pola pesca fresca durante 2014 e que cifrou en máis de 183 millóns de euros. Do mesmo xeito, indicou que o valor do tráfico nacional foi de 485 millóns de euros, mentres que o do tráfico internacional que se move a través da dársena olívica, ascendeu a 10.844 millóns de euros.

Neste sentido, o Presidente portuario subliñou o peso das exportacións da rada viguesa, cuxo valor supuxo máis de 6.365 millóns de euros, mentres que o das importacións foi de 3.527 millóns de euros. En canto aos tránsitos, o valor industrial da mercadoría embarcada desde Vigo foi de 454 millóns de euros e o da mercadoría desembarcada de 496 millóns de euros.

Mercadorías máis destacadas

Entre as mercadorías máis destacadas no capítulo da exportación, o máximo responsable portuario citou a procedente do sector da automoción (vehículos novos, pezas auto…) cuxo valor industrial foi de 5.146 millóns de euros, máis do 72% do total do valor industrial das mercadorías embarcadas desde a dársena viguesa. Séguenlle a maquinaria (629 millóns de euros); a pesca conxelada (240 millóns de euros), que foi crecendo nos últimos catro anos grazas ás exportacións a países como Exipto, Asia e África; os metais e as súas manufacturas (112 millóns de euros); o granito (91 millóns de euros) e as conservas (89 millóns de euros).

Entre as principais mercadorías importadas pola dársena viguesa, López-Chaves destacou o valor industrial dos tráficos procedentes da pesca conxelada (1.607 millóns de euros), unha cifra que cualificou de “moi considerable”; o sector da automoción (997 millóns de euros); as conservas (243 millóns de euros); os metais e as súas manufacturas (223 millóns de euros), que soben significativamente grazas ao crecemento dalgúns metais como o aluminio; e a maquinaria (104 millóns de euros).

Balance do comercio exterior

Por outra banda, López-Chaves referiuse ao balance do comercio exterior do Porto de Vigo durante 2014 que, asegurou, foi “moi positivo”, ao superar os 2.837 millóns de euros. Segundo explicou, “por Vigo sale o 35,7% de todas as exportacións de Galicia en valor económico e chega o 24,3% de todas as importacións da Comunidade galega”. 

Así mesmo, no capítulo de exportacións por vía marítima, o Presidente portuario explicou que as importacións desde a dársena viguesa superaron o 85% do total de importacións marítimas de produtos manufacturados con destino Galicia, mentres que o 67,96% das exportacións marítimas galegas saíron desde o Porto de Vigo. Unha cifra que ascendería ata o 84,39% se temos en conta os produtos elaborados en Galicia pero despachados noutras Comunidades Autónomas.

López-Chaves, incidiu, ademais, no valor das mercadorías movidas a través da Terminal de Colectores do Porto de Vigo durante 2014 e que cifrou en 4.359 millóns de euros. Unha cifra “espectacular” para o Presidente portuario, mentres que o valor das mercadorías movidas a través da Terminal Ro-Ro foi de 6.224 millóns de euros.

Principais destinos das mercadorías

En canto aos principais destinos destas mercadorías, segundo o seu valor, atópanse, en primeiro lugar, a Europa Atlántica (4.378 millóns de euros); Mediterráneo e Mar Negro (1.043 millóns de euros); Norte de África e Portugal (952 millóns de euros); Afastado Oriente (932 millóns de euros); Sudamérica Centro e Oeste Pacífico (758 millóns de euros); e Costa Atlántica (677 millóns de euros).

Segundo incidiu López-Chaves, estes datos “demostran o gran peso económico do Porto de Vigo en todo en Norte de España”. Un peso que cualificou de  “transcendental”. “Se o Porto de Vigo non existise, teriamos que crealo”, subliñou, xa que “se o Porto de Vigo funciona, funciona ben a economía de Galicia”, concluíu.

29 de xuño de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.