O 15 de xuño comeza o curso “Sementa o teu futuro: Dinamización de emprego”
Este luns, día 15 de xuño, comeza o curso “Sementa o teu Futuro: Dinamización de emprego” organizado pola Concellería de Xuventude do Concello da Guarda a través da OMIX.
Esta iniciativa, que nace coa intención de dinamizar, estimular e orientar á cidadanía para que creen un espazo no que se posibilite o descubrimento e o crecemento das capacidades das persoas e onde levar a cabo e facer reais as ideas de negocio que teñan, conta cunha vintena de participantes. O obxectivo final é crear iniciativas que melloren o presente e perfilen un futuro con máis opcións e oportunidades.
O perfil dos alumnos e alumnas son xente nova que ten unha idea de negocio para poder desenvolver, persoas que se saben con capacidades pero non teñen definida unha idea clara de negocio e persoas desempregadas que desexan mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
As clases, que terán unha duración dun mes, serán impartidas na Casa de Oficios da localidade en horario de luns a xoves de 9 a 14 horas.











