O 1 de xullo entran en vigor os horarios de verán no servizo de transporte urbano
O vindeiro 1 de xullo entran en vigor os horarios de verán no servizo de transporte urbano. Este ano prodúcese un aumento de servizos respecto ao anterior verán. Mantéñense e adáptanse as prolongacións da liña 1 á rúa de Manuel María e apóstase por unha mellora nas frecuencias no rural co aumento de servizos na liña P3 (Santa Lucía); na liña 6, nas súas expedicións a Vilamaior; e na liña P1 (Figueiras).
A partir do luns 29 de xuño estará dispoñible toda a información sobre os novos horarios na páxina web de Tussa. Ademais, editaranse folletos informativos que estarán a disposición dos usuarios nos propios autobuses.
Os viaxeiros dispoñen igualmente da aplicación maisbus, así como do teléfono 901 120 054 os 365 días do ano, no horario de funcionamento do servizo. Neste teléfono poden obter información sobre horarios, rutas e tempo estimado de espera nunha parada determinada. O servizo conta tamén con perfís en Twitter e Facebook.
Desvíos polas festas de San Pedro
Por outra parte, o sábado 27 de xuño, a partir das 8:00 horas, con motivo das festas do barrio de San Pedro, as liñas 6, 9, 13, C5, C6 e C11 modificarán o seu percorrido.
Cortaranse ao tráfico as rúas de San Pedro e Concheiros dende as 8:00 ata a finalización dos servizos do día. Por ese motivo, serán desviadas as liñas que habitualmente pasan por estas dúas rúas.
No momento do corte, as liñas 6, 9, 13, C6 e C11 serán desviadas pola rúa das Rodas, San Roque, Coimbra, Xoán XXIII, praza da Paz e Rodríguez de Viguri, retomando os seus itinerarios na glorieta de Concheiros. A maiores deste desvío, a liña 13 continuará pola avenida de Lugo e a rúa da Ameixaga para acceder a Quiroga Palacios.
Suprímense as seguintes paradas:
– 397: Porta do Camiño (parada alternativa no lugar de corte, no inicio da rúa de S. Pedro).
– 511: Rúa de San Pedro nº 58.
– 571: San Pedro (igrexa). Só liña 13.
– 139: Calzada de San Pedro (Don Bosco). Só liña 13.
– 508: Rúa de Belvís (Convento de Belvís). Só liña 13.
– 219 Cruceiro de San Pedro.
– 197 Concheiros nº 64 (parada alternativa na avenida Rodríguez de Viguri, nas inmediacións da glorieta con Concheiros).











