O 1 de xullo comeza a funcionar o servizo de transporte gratuíto ao Mosteiro de Caaveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña comezará a ofrecer o servizo de transporte gratuíto ao Mosteiro de Caaveiro dende o día 1 de xullo, con motivo da temporada estival. A partir dese momento tamén se restrinxirá a entrada de vehículos particulares debido á grande influencia de visitantes ao parque natural.

Igual que sucedeu o ano pasado, os turistas poderán elixir entre dúas rutas. Por unha banda a tradicional dende o centro de interpretación do parque ata a ponte de Santa Cristina (nas proximidades do mosteiro) e que fai paradas no merendeiro da área recreativa da alameda e na primeira e na segunda ponte colgante. Os billetes para esta ruta en ambos sentidos se recollen no centro de interpretación. O servizo comezará ás 11.00 da mañá e fará un descanso de 14.30 a 16.30 horas, cando se retome ata ás 21.30 horas.

A segunda opción, que comezou coma novidade o pasado verán, sae dende As Neves e realiza paradas no portal de Estoxa, no museo etnográfico da Capela, no parque etnográfico do río Sesín e no aparcadoiro da Ventureira, onde comeza un dos sendeiros peonís ata o monumento propiedade da Deputación da Coruña. Neste caso, a ruta comeza xa ás 10.00 horas ata as 14.00 e continúa de 16.00 a 19.45 horas.

En ambos casos, os autobuses estarán en marcha dende o 1 de xullo ata o 17 de setembro, ambos inclusive.

Ademais do servizo de transporte, a Deputación ofrece tamén de xeito gratuíto visitas guiadas ao mosteiro, que en período estival pasan a ser diarias. En concreto, dende o 27 de xuño e ata o 13 de setembro o horario destas visitas será de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, todos os días da semana, incluíndo domingos e festivos. A partir deese momento só funcionarán de venres a domingo e festivos en horario de 11.00 a 19.00horas.

O Mosteiro de Caaveiro está aberto ao público todos os días do ano para realizar visitas libres dende as 09.00 ata as 20.00 horas.

Os interesados poden conseguir máis información a través da páxina web provincial, no apartado de patrimonio.

25 de xuño de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.