Novo sorteo en Santiago para completar o xurado do caso Asunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, celebrará este venres, ás 10.00 horas, un novo sorteo para completar o xurado popular que participará no xuízo pola morte de Asunta Basterra. Isto prodúcese despois de que a renuncia de 20 dos preseleccionados tras o primeiro sorteo impedise celebrar o acto de constitución do xurado e obrigase a aprazar o xuízo, inicialmente previsto entre o 23 de xuño e o 17 de xullo.

O pasado 11 de maio, a sede en Santiago da Audiencia da Coruña celebrou o sorteo para preseleccionar os membros deste xurado popular. De aquela sesión saíron 36 nomes dos que dous non puideron ser localizados e outros 19 presentaron “recusaciones e escusas” para non acudir á constitución do xurado, informou o TSXG. Esta situación levaría a que o día da constitución do xurado, prevista inicialmente para o 23 de xuño, unicamente atopasen na sala 15 dos 20 candidatos necesarios para elixir os 11 integrantes finais.

Por este motivo, a Audiencia decidiu aprazar ata despois do verán a celebración do xuízo e realizar un novo sorteo este venres para cubrir as vacantes entre os preseleccionados. Unha vez realizado este proceso, fixarase unha nova data para as vistas.

Un total de 84 testemuñas e máis de 60 peritos están citados a comparecer no xuízo pola morte da menor Asunta Basterra que, segundo a estimación inicial, durará case un mes.

18 de xuño de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.