Novas deficiencias obrigan a aumentar o orzamento do proxecto da futura biblioteca en 30.000 euros

Nicolás González visita as obras da nova biblioteca
As carencias non foron comunicadas en ningún momento polo equipo de Xosé Crespo. O orzamento de execución quedará finalmente en 447.094,02 euros. Entre as novas actuacións que se contemplan, destacan a eliminación do amianto presente no falso teito do antigo salón de plenos e a substitución total da tella. A nova biblioteca manterá a esencia do antigo consistorio e cubrirá as carencias da Varela Jácome.
O tenente alcalde e edil de urbanismo, Nicolás González Casares, visitou esta maña, xunto coa concelleira Lara Peña, as obras da que será a nova Biblioteca Municipal. Casares anunciou no acto que o goberno local se víu obrigado a incrementar o orzamento do proxecto, por mor de múltiples deficiencias aparecidas no teito do edificio que non foran comunicadas polo anterior goberno.
O proxecto inicial tiña un Presuposto de Execución Material (PEM) de 336.134,44 € e un Presuposto de Execución por Contrata (PEC) de 483.999,99 €. As modificacións previstas suporán un incremento no PEM de 33.512,60 €, polo que o proxecto modificado contará cun PEM de 369.647,04 €, o que supón un incremento fronte ao proxecto inicial dun 9,97% e cun PEC de 532.254, 79 €.
A empresa contratista gañou o concurso de licitación das obras aplicándolle unha baixa ao PEC do proxecto dun 16%, polo que o PEC, coa baixa aplicada, é de 406.559,99 €. Ao proxecto modificado tamén lle será asignada a baixa, polo que contará finalmente cun PEC, con baixa, de 447.094,02 €.
En canto ás novas actuacións que se acometerán na edificación, hai que destacar, en primeiro lugar, que na licenza de obra inicial non se fai mención ao falso teito do antigo salón de plenos, que resultou ser de fibrocemento con amianto. Trátase dun material nocivo que é imprescindible eliminar para dar cumprimento á normativa oficial de seguridade e saúde. Por outra parte e, debido ao mal estado no que se atopa, será necesario executar unha substitución total na cuberta de tella. Así mesmo, o arquitecto e os técnicos encargados da obra viron necesario recuperar os falsos teitos de madeira de castiñeiro dalgunhas zonas do antigo consistorio e executar outros de cartón-xeso naqueles lugares onde os orixinais sexan irrecuperables. Por último, fíxose preciso realizar reparacións estruturais en trabes existentes que se atopaban en mal estado de conservación.
O edil de urbanismo, Nicolás González Casares, indicou, en relación ás reparacións extraordinarias, que “non se contaba con isto, porque o anterior goberno non tiña contempladas estas actuacións que agora temos que afrontar nós”. “Paréceme un erro grave pola súa parte”, sentenciou.
González Casares e Peña foron guiados durante a visita por Luís Fernández, arquitecto encargado do proxecto e por técnicos da obra. Deste xeito, coñeceron de primeira man tanto o desenvolvemento dos traballos, como a distribución e os servizos que ofrecerá a futura biblioteca de Lalín.
A edificación destaca por estar deseñada de maneira que cubra todas as deficiencias que presenta a actual Biblioteca Municipal Varela Jácome. Así mesmo, tal e como explicou Luís Fernández, o proxecto arquitectónico trata de manter a esencia da antiga casa do concello, conservando elementos simbólicos da mesma, como edificio histórico e de enorme valor patrimonial para a cidadanía de Lalín.
As diferentes estancias da biblioteca adáptanse á anterior distribución da planta, de modo que se dispoñen de modo independente, para que as actividades que se desenvolvan en cada sala non interfiran unhas nas outras. A biblioteca terá, entre outros departamentos, sala de lectura, zona de prensa, salón de actos, estancia infantil, sala de audiovisuais, así como almacén.
O prazo de remate para o proxecto está establecido para mediados do próximo mes, aínda que as anunciadas necesidades de reforma previsiblemente obrigarán a pospoñer a apertura do recinto cultural ata primeiros de setembro.











