Negreira mantén un encontro con representantes de Marea Atlántica, PSOE e BNG para garantir o funcionamento do goberno en funcións

Rolda de prensa de Carlos Negreira
O alcalde en funcións da Coruña, Carlos Negreira, mantivo esta mañá un encontro cos representantes de Marea Atlántica, PSOE e BNG, Xulio Ferreiro, Mar Barcón e Xosé Manuel Carril, respectivamente; para ofrecer “unha saída ordenada e dotar este período de total transparencia”. Neste sentido, trasladoulles que o obxectivo principal, durante as próximas semanas e ata a toma de posesión da nova Corporación o próximo 13 de xuño, é continuar con normalidade a actividade ordinaria do consistorio, sen adoptar ningunha decisión que comprometa ao futuro goberno.
Carlos Negreira propuxo a todos os partidos a creación dun grupo de seguimento, composto por representantes de todas as forzas políticas para a posible toma de decisións que poidan xurdir, durante o Goberno en funcións, de carácter urxente. En concreto, o grupo de seguimento estará formado por Rosa Gallego (PP), Iago Martínez (Marea Atlántica), José Manuel García (PSOE) e Xosé Manuel Carril (BNG).
Outro dos temas abordados durante estes encontros foi o estado de cada unha das áreas de goberno. O alcalde en funcións, Carlos Negreira, sinalou que, nestes momentos, o Executivo local está a preparar un informe actualizado dos diferentes departamentos -estará elaborado este xoves- para, unha vez se constitúa a nova corporación, polo a disposición e coñecemento da Marea, forza política designada para gobernar xa que conta co apoio do PSOE, tal e como o Partido Socialista lle transmitiu ao alcalde en funcións durante a reunión de hoxe.
SUSPENDER PROCEDEMENTOS
Carlos Negreira aproveitou tamén para explicarlles a decisión adoptada a semana pasada de suspender todas aquelas propostas relativas á contratación de obras, servizos e subministracións -incluídos os contratos menores-, en calquera fase do procedemento de contratación, salvo as que se consideren imprescindibles para garantir a continuidade e regularidade dos servizos públicos obrigatorios e esenciais.
“O Concello non tomará ningunha decisión, salvo aquelas que se enmarcan dentro do correcto funcionamento da administración”, sinalou Negreira. Neste sentido, garantiu que non se iniciará ningunha actuación que non permita a normativa vixente da Alcaldía en funcións e que non se adxudicará ningún contrato durante as semanas que restan ao goberno en funcións.
En todo momento respectarase o que determinen os servizos xurídicos e económicos do Concello. Carlos Negreira tamén sinalou que, en caso de abordar algún tema importante de xestión, consultaráselles previamente, garantindo así a transparencia en cada unha das decisións adoptadas.











