Nava Castro viaxa a Belén para participar no Congreso Internacional de Turismo Relixioso
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inicia hoxe unha viaxe institucional a Belén. Durante a mesma, Nava Castro, invitada pola Organización Mundial de Turismo (OMT), participará na Conferencia Internacional sobre Turismo Relixioso que terá lugar o 15 e 16 de xuño. O encontro, que será inaugurado hoxe por Rula Ma’ayah, Ministra de Turismo e Antigüedades de Palestina, e Taleb Rifai, Secretario Xeral da Organización Mundial de Turismo (OMT), centra a súa temática no fomento do desenvolvemento socio-económico e sostible nas comunidades de acollida.
Así, este congreso internacional acollerá a autoridades do turismo, representantes das comunidades relixiosas, membros do sector turístico privado, organizacións internacionais e rexionais de desenvolvemento, para intercambiar puntos de vista, perspectivas e experiencias sobre cómo desenvolver e promover o turismo relixioso como unha ferramenta para o desenvolvemento socioeconómico.
A conferencia celebrarase en torno a catro temas clave: as tendencias globais que moldean o turismo relixioso e o desenvolvemento de produtos competitivos e experiencias; os desafíos e oportunidades para o desenvolvemento e a promoción de rutas de turismo relixioso; enfoques innovadores para a xestión do turismo en lugares relixiosos e a promoción e a participación das comunidades de acollida e o reforzo dos beneficios socioeconómicos do turismo relixioso a nivel local .
Así mesmo, a reflexión sobre o traballo realizado pola OMT en sitios de turismo e patrimonio mundial, moitos dos cales teñen un significado relixioso e en rutas de turismo, moitas veces inspiradas por un carácter relixioso, contribuirá a enriquecer o debate.











