publicidade hoxe

Naraío acolle este sábado a Parada familiar de xogos tradicionais e a presentación do Festival do Río Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O CPI de San Sadurniño organiza por segundo ano a Parada familiar de xogos tradicionais. O nome dío todo: un encontro para toda a familia no que maiores, pequenos e pequenas gocen xuntos dos xogos de toda a vida. En 2014 a parada foi na leira da Cortiña e nesta ocasión trasládase ao campo de fútbol de Naraío, facéndoa coincidir coa presentación do Festival do Río Castro que está preparando o Castelo de Naraío para o 4 de xullo. Entre as 16.30 e as 19.00h. haberá moito onde entreterse entre zancos, brilé, tirafondas, tiro á corda, peóns, bólas… e despois coñeceremos o deseño do cartel do festival e os grupos participantes, continuando logo cuns petiscos, coa actuación de Os Feroces de Galgueira e finalizando cunha repichoca popular. Iso si, hai que ter en conta que hai rally e que o tramo máis espectacular pasa por Naraío, polo que cómpre estremar a precaución na estrada e fixarse nos itinerarios alternativos para chegar e marchar do campo de fútbol.

Por esta razón a organización da parada e a A.VV. O Castelo aconsellan aproveitar para acudir ás actividades antes das 17.00h., momento en que pechará o tramo “Fercapi Galicia” de case 17 quilómetros. Trátase da última proba do Rally de Narón que sairá ás 18.00 da Bidueda. Subirá pola Penamoura, en Campolabrado xirará ao Pico, desde alí baixará ao Piñeiro, logo enfilará Fontao, desviarase polo Cabaleiro ata Pereiras, xirará con destino ao Eirexado e abandonará a parroquia por Cabanas, Pirulelle camiño aos Torrentes. De aí para adiante aínda queda media etapa por percorrer por territorio de Neda e Narón. 

A cousa é que este trazado deixará cortadas as principais vías de acceso a Naraío desde as 17 ata cerca das 21.30h. -non se abre o tramo entre pasadas-, polo que é necesario optar por itinerarios alternativos tanto para chegar á parada como para saír despois dela. Máis abaixo hai un plano coas posibilidades principais. Porén o camiño máis recomendable para quen veña desde Ferrol, San Sadurniño ou As Pontes é a autovía AG-64 tomando a Saída 17 Penavidreira-Naraío. Na rotonda da AC-125 seguiremos os indicadores ao castelo de Naraío e despois, unha vez que cheguemos á fortaleza, haberá que continuar a pista durante arredor de 1 km ata que cheguemos ao cruzamento da Longra, onde haberá que tomar o desvío á esquerda. Pasaremos logo pola Ponte da Ferrería e a 200 metros atoparemos o desvío ao campo de fútbol. Vindo desde Ferrol e Xuvia é válido este camiño, aínda que tamén se pode vir polo Roxal, Formariz, Quintiá, Lourido, O Eirexado e, finalmente, o campo de fútbol. En calquera caso, non haberá perda xa que os cruzamentos contarán con carteis indicadores.

Agora si, a Parada e a presentación do Festival

Nesta segunda edición o encontro organizado polo CPI trasládanse ao campo de fútbol de Naraío coa colaboración da ANPA do colexio e da AVV. O Castelo, nunha nova etapa en que se pretende facer da parada un evento itinerante ano a ano polas distintas parroquias do concello.

Desenvolveranse varias actividades nas que se agarda a participación activa de nenos e nenas pero tamén de persoas maiores. Toda a información está dispoñible a través do blog paradaxxttsansa.blogspot.com . Entre elas destacan un obradoiro de enredos impartido por Xosé López e José Manuel García, autores de dous volumes sobre o tema. 

Ás 16.30h. comezarán os xogos distribuídos polo campo de fútbol de Naraío. Actividades de toda a vida nas que pode -e debe- participar toda a familia: os tres pés, a chave, as bólas, brilé -celebrarase o tradicional campionato “internacional” da A.VV.-, tirapedras, o pano, a rá, tiro de corda, serrado con tronzador, zancos, obradoiro de enredos… Moito onde escoller e para ir rotando durante a tarde coa axuda do monitorado. Desde a organización inciden no cualificativo de familiar e por iso insístese en que os nenos e nenas teñen que participar das actividades acompañados dos maiores, posto que a función do monitorado é organizar e facer indicacións sobre os xogos. Tamén apuntan que durante a parada non se poderá xogar ao fútbol no campo para non interferir nas outras actividades e porque, ademais, tempo para patear o balón haino o resto da semana.

Todos os xogos son gratuítos e, ademais, ao final da tarde sortearanse camisetas entre todos os nenos e nenas participantes. Como peche da parada, a iso das 19.00h., Xosé López González e Jose Manuel García Fernández presentarán o seu libro “Xoguetes Naturais. Argalladas dos Pícaros”.

Contando cos posibles retrasos que se produzan na programación, o Castelo de Naraío fixou para as 20.00h. a presentación da programación do XXII Festival do Río Castro, dentro xa do local social situado ao pé do campo de fútbol. 

Será un acto breve para mostrar o deseño elaborado polo artista gráfico Juanlu Fernández e para dar conta dos grupos que tocarán no lugar da Bóla o próximo 4 de xullo. E é que despois de toda a tarde brincando apetecerase picar algo, e por iso a A.VV. servirá uns petiscos de xamón escaldado para repoñer forzas e encarar a última parte da xornada, que se iniciará coa música dos Feroces de Galgueira (As Pontes) a iso das 21.00h. e que rematará cunha repichoca ata que o corpo aguante. 

5 de xuño de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.